Agricultura sostén que as organizacións galegas de produtores están fallando

Durante unha visita a Galicia, a ministra, Isabel García Tejerina, responsabiliza ás OPs de leite da falta de acordos coas industrias

Agricultura sostén que as organizacións galegas de produtores están fallando

A ministra considera que industrias e produtores deben entenderse.

A ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, afirmou que as organizacións de produtores lácteos (OP) constituídas en Galicia aínda “non están a utilizar”, a diferenza do que xa acontece noutras comunidades autónomas, a súa “capacidade de negociación” fronte ás industrias.

García Tejerina fixo estas declaracións aos medios de comunicación durante a visita que realizou á empresa Quescrem-Innolact -Castro de Rei-, adicada á produción de queixo en crema, á que puxo como exemplo de “empresa que é capaz de dar o máximo valor engadido á produción do leite”.

“En Galicia hai organizacións que non están usando a súa capacidade de negociación” (Isabel García Tejerina)

Na súa visita de onte, a ministra tamén fixo referencia á reunión que manterá hoxe coa Interprofesional Láctea. “Sentarémonos e falaremos coa industria, pero eu tamén quixera animar ás organizacións de produtores lácteos en Galicia primeiro a que crezan, a que representen e agrupen a máis gandeiros e tamén a que fagan uso do que a regulamentación, as ferramentas que lles demos, lles permite,” engadiu.

Trátase de “negociar eles a venda do leite coas industrias. Isto xa está a pasar noutras comunidades autónomas”, dixo García Tejerina, que precisou que son as organizacións de produtores as que “están a facer a negociación coa industria” e “non os gandeiros”.

“En Galicia, hai organizacións constituídas, pero non están a utilizar unha ferramenta que está á súa disposición, que é a capacidade de negociación da venda do produto”, lamentou a ministra.

O sector non entende as críticas da ministra e culpa ás industrias de non querer negociar

Dende o seu punto de vista, trátase de algo que xa empeza a entrar dentro “da normalidade” noutras rexións de España, polo que “será bo” que as organizacións de produtores “aquí en Galicia, en defensa dos gandeiros aos que representan, utilicen esa potestade que lles demos”.

Por outra parte, Tejerina recordou que “a industria e os gandeiros están chamados a entenderse porque non pode haber industria láctea en España se non hai gandeiros e non pode haber gandeiros sen unha industria que recolla o seu leite”.

Segundo a ministra, chegar a esa conclusión é o “obxectivo último” da reunión que mañá manterá coa interprofesional láctea.

Contexto galego
Cómpre recordar que en Galicia operan dúas organizacións de produtores, Ulega e Aprolact, que entre as dúas xuntan a 3.500 gandeiros; pero ata o de agora ambas as dúas aseguran que as industrias non queren sentarse a negociar. Desde as organizacións de produtores, Ulega –xestionada por Unións Agrarias-, e Aprolact –de base cooperativa-, non se entenden as críticas reiteradas da Administración ó funcionamento das organizacións de produtores, cando sinalan que o problema está na parte industrial, que non quere falar de sentarse a negociar con elas.

O sector agrario ten pedido de xeito reiterado a intervención da Administración para correxir esa situación, pero desde os poderes públicos son reticentes a intervir no que entenden debe ser unha negociación entre dúas partes privadas, sen mediación pública.

Información elaborada coa aportación de José Luis Ramudo (Lugo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información