Unións acusa a Medio Rural de traballar nunha organización de produtores afín

Unións acusa a Medio Rural de traballar nunha organización de produtores afín

Unións Agrarias xestiona Ulega, unha das organizacións galegas de produtores de leite.

O secretario xeral do sindicato Unións Agrarias (UU.AA), Roberto García, criticou a “dobre moral” coa que entende que está a actuar a Consellería do Medio Rural. García asegura que a Consellería está a utilizar ós alcaldes e mesmo “funcionarios” da propia Xunta para crear unha organización de produtores lácteos (OP) afín aos intereses do PP, a pesar de que os seus dirixentes falan de unidade.

O secretario xeral de Unións quixo “denunciar publicamente esa dobre moral que está a manter a Consellería do Medio Rural”, porque “por unha parte fala de unión e, por outra, manda a funcionarios da Consellería e a alcaldes do Partido Popular” para tratar de formar unha organización de produtores afín ao PP.

De feito, asegurou que algúns alcaldes mesmo convocaron aos gandeiros “por carta, co selo do propio Concello, para formar unha OP do Partido Popular,”.

Ao seu xuízo, “ese tipo de hipocresía ten que rematarse”, porque “en vez de unir, están a intentar exercer un control político” das organizacións de produtores.

En Galicia operan actualmente dúas organizacións de produtores, Ulega, impulsada por Unións Agrarias, e Aprolact, de base cooperativa. Entre ambas as dúas organizacións suman ao redor de 3.500 gandeiros. As organizacións de produtores teñen en teoría capacidade para negociar coas industrias en representación dos seus asociados, se ben ata o momento non lograron que as industrias acepten esa interlocución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información