Leite concentrado e en po, novas liñas de traballo da Aula de Productos Lácteos

O centro, ubicado en Lugo e dependente da Universidade de Santiago, estrea esta primavera unhas instalacións que amplían as súas posibilidades de ensaios e investigacións

Leite concentrado e en po, novas liñas de traballo da Aula de Productos Lácteos

Enrique Arbones, na instalación piloto de transformación do leite en po.

A Aula de Productos Lácteos da Universidade de Santiago, ubicada en Lugo, estrea esta primavera unhas instalacións que lle permitirán abrir novas liñas de traballo, como as de leite concentrado e en po, que chegan nun intre clave para o sector. “Nos próximos anos prevese un aumento da demanda de produtos lácteos en países emerxentes, polo que será importante facer viaxar o leite concentrándoo ou secándoo, xa que a comercialización de leite líquido uht implica maiores custos de transporte”, explica o director da Aula, Enrique Arbones.

O centro traballa principalmente na investigación e desenvolvemento de produtos para a industria láctea, un área de traballo que se reforza coa nova sede da Aula, ubicada en Sanfiz. A posta en marcha da instalación, que se desenvolverá este mes, conta con todos os equipos que xa funcionaban na anterior ubicación e a maiores incorpora multitude de novas liñas de traballo.

A concentración e a fabricación de leite en po son dous dos novos procesos que cobran importancia na actual coxuntura, co fin das cotas, o aumento da oferta e as posibles aperturas de novos mercados para produtos lácteos industriais. “É unha liña na que temos expectativas”, confirma Enrique Arbones. “Hai moita demanda de know-how neste campo e a nosa torre de secado de leite, con esta dimensión, que permite que os procesos que aquí probamos sexan escalables a nivel industrial, é única en centros de investigación a nivel peninsular”, valora.

Diferentes acabados

A concentración e o secado do leite, ata transformalo en po, fanse por deshidratación mediante a aplicación de calor, unha técnica que mantén as proporción dos distintos constituíntes do leite, coa excepción da auga. Esa deshidratación pódese combinar con diferentes técnicas de filtración, que permiten por exemplo variar as porcentaxes de proteína e graxa do produto final. A filtración, na que a Aula de Productos Lácteos ten longa experiencia, posibilita así facer un leite concentrado a medida do cliente.

“Galicia orientouse ó leite líquido, co que temos un produto menos atractivo para queixos. O concentrado supera ese handicap”

“Co filtrado pódense variar por exemplo as concentracións proteicas para obter un leite máis apto para queixerías. Isto ten especial interese en Galicia, onde a produción se orientou ó leite líquido e, por tanto, non se lle pagaba ó gandeiro pola produción de proteína, co que temos un leite menos atractivo para queixos. O concentrado permite salvar ese handicap”, explica Arbones. “Os concentrados tamén son útiles para a obtención de proteína para produtos dietéticos e para outras aplicacións da industria alimentaria”, engade o director da Aula.

Moitos investimentos das industrias lácteas europeas nos últimos anos van orientados ás liñas de concentración e secado do leite. As empresas galegas tamén traballan en ambas liñas, como é o caso de Leite Río ou Logística Alimentaria.

Queixos de pasta branda
Outra das áreas que vai potenciar a Aula de Productos Lácteos nas novas instalacións é a de queixos, para o que incorporou dúas liñas. Unha para a elaboración de queixos de pasta branda (por exemplo Camembert) ou frescos (por exemplo tipo Burgos), e outra de queixos de pasta hilada (tipo mozarella ou provolone). “Son queixos interesantes que axudarían a que as queixerías diversifiquen a súa produción”, valora Arbones.

No apartado de produtos esterilizados, a Aula comezará ademais a traballar unha liña de produtos viscosos que dará servizo á industria alimentaria para ensaios de cremas, bechameles, produtos con frutas, e similares. O desenvolvemento de xeados e de bebidas carbonatadas con base láctea son outras das posibilidades que abren as novas instalacións do centro, que prosegue tamén nas súas liñas de traballo clásicas, como as de queixos de pasta dura, leites uht enriquecidas ou iogures e outros produtos fermentados.

Laboratorio de aplicacións culinarias
A parte industrial da Aula de Productos Lácteos funciona igual que unha industria ó uso e ten capacidade para cubrir todo o proceso, desde a recepción do leite ata o envasado e almacenado do produto terminado. As novas instalacións contan tamén con cámaras de maduración e conservación dos produtos, cun laboratorio de aplicacións culinarias e con zonas de catas.

Unha vez en funcionamento, o director da Aula, Enrique Arbones, prevé unha colaboración moi estreita co Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal), co que agarda buscar sinerxias e o beneficio mútuo de ambas institucións. “Por parte do Cetal, xa nos trasladaron a súa disposición á colaboración plena”, indica Arbones.

Últimos pasos
Durante este mes, a Aula está ultimando o traslado e a posta en marcha dos equipos. A apertura oficial da nova sede está prevista para xuño, mes no que tamén se programarán unhas xornadas técnicas cos clientes do centro, tales como industrias lácteas, empresas de equipos ou grupos de investigación universitarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información