A pataca alemá despraza á galega

A desorganización do sector fronte á gran distribución e ás importación de países como Alemaña provoca caída de prezos até os 5 céntimos por kilo. Os produtores da Limia piden á Xunta medidas de apoio.

A pataca alemá despraza á galega

O que se prevía como unha gran campaña da pataca na Limia, cunha produción en 2014 duns 120 millóns de kilos, vai rematar por ser un ano para esquecer. Os prezos do tubérculo acadaron mínimos de até 5 céntimos ao produtor, cando os custos de produción sitúanse nos 10 céntimos por kilo. Deste xeito, estímase que até un 20% da colleita puido quedar sen vender.

As causas deste “annus horríbilis” para os produtores de pataca -uns 400 como actividade principal e uns 700 como segunda actividade- da principal comarca agrícola de Galicia explícanse por unha conxunción de feblezas crónicas do propio sector e por factores novos.

Dúmping de Alemaña para colocar a pataca que non puido exportar a Rusia

Dentro destes últimos, o responsable do Sindicato Labrego Galego na comarca da Limia, Anxo Pérez Rúa, sitúa “o dúmping de prezos practicado por Alemaña nesta campaña xa que, ante o peche do mercado ruso, sacou ese excedente en España e Portugal tirando cos prezos”.

Pero as razóns principais desta crise de prezos que periodicamente se leva por diante a varios produtores, son de fondo e veñen de atrás. Unha delas é a gran distribución, principalmente a de capital francés e alemán, “vende aquí os excedentes dos seus países tirando cos prezos”, denuncia Anxo Pérez Rúa.

Falta de organización do sector

Na mesma liña se pronuncia o responsable de Agricultura de Unións Agrarias, José Ramón González. “A Lei da Cadea Alimentaria non se cumpre e isto leva á especulación, na que perde a parte máis feble: o produtor”.

Neste sentido, reclama acordos entre produtores, almacenistas e industria para darlle estabilidade de prezos ao sector.

Sen embargo, para Anxo Pérez, do SLG, a falta de poder de negociación fronte á distribución débese ao principal problema do sector, e este de carácter interno: “Aquí falta estrutura real do sector para competir nos mercados, a maior parte dos produtores vai por libre a través de contratos privados con intermediarios que o que fan é sacar tallada”.

A Xunta salienta que os contratos produtor – almacenista “garanten un prezo razoable”

É que opina a Xunta de Galicia desta crise? Dende a Consellería do Medio Rural e do Mar atribúen a baixada de prezos deste ano á grande colleita tanto na Limia como no resto da Unión Europea “polo que esta situación non deixa de ser algo habitual, xa que ciclicamente se producen estas crises de prezos nun produto que está moi influenciado pola oferta e a demanda”.

Con todo, dende a Consellería lembran que na Limia os contratos privados entre agricultor e almacenista, que cobren case a metade da produción, “garanten un prezo estable aos produtores”.

“Posiblemente sexa a un prezo máis baixo, entre 0.12 e 0.15 €/kg, que nun ano normal ou con escaseza de pataca, pero que en anos coma este, (…) os contratos garanten a recollida a un prezo razoable”, argumentan dende a Xunta.

Porén, para o representante do Sindicato Labrego Galego “os contratos privados funcionan se vai ben a campaña, senón, como este ano, o almacenista recóllelle as patacas ao produtor pero rebáixelle o prezo pola vía de que até o 40% da pataca que entra supostamente ten falta de calidade”.

Neste sentido, Anxo Pérez considera necesario “veedores da Administración que verifiquen que a pataca entra no almacén e coa calidade axeitada” para evitar situacións de abuso.

Interprofesional da Pataca: unha solución para o sector?

Noutras Comunidades estanse a tomar medidas para estruturar ao sector. Unha das pioneiras ven de ser Castela e León, que acaba de crear unha Interprofesional da Pataca para darlle estabilidade de prezos ao sector.

Dende a Xunta de Galicia consideran que se trata dunha “medida adecuada, (…) para que o sector da pataca traballe mellor, que os prezos se adapten aos custes de produción e, en definitiva, que haxa unha colaboración e acordo entre todos os axentes da cadea de valor”.

Dende o SLG valórana como unha iniciativa moi positiva “que en países como Francia está a funcionar moi ben”. Non obstante, matiza que “para que funcione aquí ten que ter continuidade e englobar a toda a cadea para coordinarse e ver as necesidades da distribución en canto a calidades, tipo de pataca e prezos”.

Propostas de futuro

Unha das organizacións que tamén está a actuar para defender o sector da pataca na Limia é Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL).

Dende esta organización interprofesional lembran que “España e Galicia son deficitarias na produción de pataca, e aínda así séguese perdendo produción”. Neste sentido, reclaman que “as tres bisbarras con maior arraigamento no cultivo en Galicia (A Limia, Terra Chá e Bergantiños) necesitan principalmente dunha liña de axudas dende a Administración Autonómica para poder facer fronte ás producións perfectamente estruturadas dende anos como son as Francesas, Holandesas, Belgas e Alemás e agora as Castelán-Leonesas”.

En concreto, dende ADEGAL propoñen a seguinte batería de medidas para impulsar o sector da pataca na Limia:

Organización para adquisición sementeira de pataca mediante contrato.
Propoñen que a Mesa da Pataca se organize para, entre outros obxectivos, tratar de reducir os custos de cultivo mediante a realización de contratos de pataca de sementeira.

A mesa poría os medios necesarios para recoller as necesidades de pataca de sementeira dos agricultores e que, a través da asociación de almacenistas, canalizarase para a súa contratación.

Contrato Homologado
Dende ADEGAL afirman que “está moi avanzada a redacción dun contrato tipo onde se pacte o marco de relacións entre comprador e vendedor; así, ademais de quilogramos, variedade e prezo, determinaranse os niveles máximos de defectos premiando a calidade das producións”.

Estruturación do sector e instrumentos necesarios
A mesa da pataca debe ser o instrumento polo cal se regulen os mercados, adecuando as producións ós consumos, apoiando os sistemas de certificación, apoio á produción integrada, coordinar as accións de I+D+i e de transferencia tecnolóxica.

Fondo de compensación
Mecanismo polo cal se crearía un fondo a partes iguais entre agricultores e Administración para ser executado en anos de prezos baixos co que se eliminarían en boa parte as crises periódicas.
O fondo debería cubrir anualmente polo menos o 20% da produción.

Planta para a xestión de residuos agrícolas.
A planta sería xestionada pola Mesa da Pataca. Esta planta servirá para recoller os distintos residuos agrarios para despois xestionalos axeitadamente.

Campaña de comunicación
Campaña de comunicación para promover os valores positivos da pataca galega como é o seu sabor.

 

Una idea sobre “A pataca alemá despraza á galega

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información