A industria forestal pide autorizar máis carga nos camións das cortas

Confemadera Galicia cre que se debe equiparar a situación española coa de Portugal ou Francia, que permiten ata 60 toneladas fronte ós 40 de España

A industria forestal pide autorizar máis carga nos camións das cortas

A industria forestal considera que a medida reduciría os gastos en transporte.

Os camións de transporte forestal poden cargar en España ata 40 toneladas. En países veciños como Portugal, a cifra ascende a 60 toneladas, e en Francia ata 57 toneladas. A industria da madeira considera que a carga máxima en España débese equiparar á doutros países de Europa, xa que entende que non existen motivos para unha restricción maior. Confemadera Galicia, a patronal do sector na comunidade, participa da reclamación que se lle presentou recentemente ó Goberno en tal sentido.

O presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, incide en que a autorización dunha maior carga para os camións das cortas repercutiría nun aumento da competitividade de toda a cadea, desde o propietario ata a empresa de transformación da madeira. “Calculamos que con esta medida os custos pódense reducir nun 20%. É unha cuestión de futuro –valora-. Se temos unha maior competitividade, poderase mellorar o prezo da madeira e iso repercutirá en ter un bosque máis axeitado para as cortas, con madeira de máis calidade”, defende.

“Os custos pódense reducir nun 20%. É unha cuestión que beneficiaría a toda a cadea” (Elier Ojea. Confemadera Galicia)

A industria forestal pide que a carga máxima autorizada dos camións sexa a que figura na súa ficha técnica, cun máximo de 48 toneladas para camións de 5 eixes e de 57 toneladas para os de 6 eixes. Actualmente en España circulan cada día arredor de 2.500 transportes procedentes das cortas, que poderían reducirse ata 1.300, segundo estimacións das empresas forestais. Esa baixada, destacan, repercutiría nunha maior competitividade do sector e na reducción de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Contexto galego
A rede galega de estradas secundarias, que presenta vías con limitacións de tonelaxe ou con particulares dificultades de maniobrabilidade, cuestiona a posibilidade dunha aplicación xeralizada do aumento de tonelaxe, se ben, desde Confemadera Galicia consideran mínimos os posibles problemas. “En aqueles lugares con dificultades, poderíanse establecer os cargadoiros nos puntos máis idóneos e dialogar co titular da vía sobre as posibles limitacións”, explica Elier Ojea. “Tampouco se trata de que todos os camións cheguen a cargarse con eses topes, pero si de que exista a posibilidade cando sexa operativo”.

Confemadera Galicia destaca tamén que as empresas de transporte forestal están de acordo coa medida e opina que a nova norma podería implantarse de xeito progresivo, de cara a que a flota de camións se prepare para as novas condicións.

Da reunión que mantiveron recentemente as asociacións do sector con representantes do Goberno para trasladarlles a petición, Ojea extrae conclusións positivas. “Quedaron sorprendidos da situación. A directiva europea sobre transporte permite que cada estado membro regule de xeito interno o transporte forestal. Eles pensaban que lles iamos pedir unha excepción da normativa, pero non se trata diso, senón de equiparar a situación de España coa doutros países da UE. Se en Portugal, poden cargar ata 60 toneladas, penso que en Galicia non temos por que ter máis limitacións”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información