As cooperativas galegas estudan a industrialización conxunta do leite

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) proponse deseñar un proxecto que lle permita ás cooperativas transformar a súa produción e obter máis valor polo leite

As cooperativas galegas estudan a industrialización conxunta do leite

Higinio Mougán e Juan Méndez.

Galicia está entre as dez maiores rexións europeas produtoras de leite e o fin das cotas podería analizarse na comunidade como unha oportunidade, nun contexto de aumento da demanda mundial de produtos lácteos. En lugar diso, as explotacións galegas están preocupadas por se terán quen lles recolla o leite e pola caída do prezo en orixe nos últimos meses. Esa é unha das reflexións que levou á Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) a propoñer o deseño dun proxecto industrial conxunto en busca dun futuro mellor para cooperativas e gandeiros.

“Estudemos as posibilidades de desenvolver en Galicia unha iniciativa entre as cooperativas transformadoras e as cooperativas que non transforman”, lanzou o xerente de Agaca, Hixinio Mougán, nunhas xornadas sobre o sector lácteo celebradas hoxe en Compostela nas que participaron cooperativas de toda a comunidade. “Podemos facer tres cousas: seguir como ata agora, agardar a unha macrointegración das cooperativas lácteas industriais de España, que semella difícil; ou estudar as posibilidades de facer un investimento propio e conxunto entre as cooperativas galegas”, valora Hixinio.

A proposta inicial do xerente de Agaca céntrase nun proxecto que logre maior valor engadido para o leite galego. Máis da metade do leite producido en España estase envasando como leite líquido, principalmente en marcas da distribución, vendidas a baixo prezo nos supermercados. Desde Agaca proponse un cambio de modelo, valorando outras posibilidades, como a produción de queixos, iogures e, sobre todo, a produción de leite en po e doutros produtos industriais deshidratados que se poidan comercializar en mercados lonxanos (proteína láctea, lactosueros, lactosa, etc.).

“Necesitariamos contar cunha torre de leite en po versátil e multiproduto, que permitise procesar entre 150.000 e 300.000 toneladas ó ano”, calcula Hixinio nunha primeira aproximación.

“Necesitariamos contar cunha torre de leite en po que procesase ata 300.000 toneladas ó ano” (Higinio Mougán, Agaca)

Europa, orientada á exportación
A iniciativa vai na liña dos investimentos que están a facer as industrias europeas doutros países nos últimos anos. Entre o 2012 e o 2014, a industria láctea europea investiu máis de 5.000 millóns de euros en proxectos industriais, según datos que manexa a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia. Desa cantidade, arredor da metade destinouse a instalacións de leite en po e de produción de manteiga, en tanto outro 20% foi para queixos.

En Galicia, no periodo 2012-2014 non se rexistrou ningún investimento significativo; en tanto no resto de España foron mínimos, según os mesmos datos das industrias lácteas. Así as cousas, o sector galego contempla como Europa se está preparando con proxectos exportadores para o fin das cotas e o previsible aumento da produción, sen que nin en Galicia nin en España se desenvolvan proxectos similares de entidade.

Galicia, ¿potencia exportadora?
A proposta de Agaca respaldouse nunha análise técnica elaborada por Juan Méndez Dónega, exdirector da Aula de Productos Lácteos (Lugo) e profesor de industrias lácteas na Universidade de Santiago (USC). Dónega valorou os posibles mecanismos de xestión do leite no contexto dun mercado global e incidiu nas alternativas de orientar parte da produción á elaboración de subprodutos industriais e a suministrar materia prima de calidade ás industrias.

“É fundamental non producir leite indiferenciado no mercado. Agora mesmo estamos producindo leite dirixido a envasar en líquido, co 3,70 de graxa e 3,10 de proteína, e habería que buscar un valor agregado para o leite, con máis materia seca e que teña máis valor para a produción de queixo, iogures ou produtos industriais”, propón o profesor da USC.

“Agora mesmo producimos leite indiferenciado, co 3,70 de graxa e 3,10 de proteína. Hai que buscar un leite con máis valor” (Juan Méndez)

O deseño dun proxecto industrial propio para as cooperativas galegas traballarase a partir de agora máis en detalle. O xerente de Agaca, Higinio Mougán, comprometeu moito diálogo con todas as cooperativas para tratar de chegar a puntos de entendemento e indicou tamén como posible a busca de socios privados, tanto cooperativas que xa contan con instalacións industrias na comunidade, caso de Feiraco e da Central Lechera Asturiana (a través da súa marca Larsa), como con industrias privadas.

O punto que queda por ver é se hai compromiso das cooperativas e dos gandeiros socios das cooperativas para asumir o investimento que fose preciso. “En Dinamarca, na cooperativa Arla Foods, unha das grandes de Europa, un gandeiro que entrega un millón de quilos de leite ó ano, ten investido na cooperativa en torno a 100.000 euros. En Galicia, un dos grandes problemas do cooperativismo é a descapitalización. Teremos que ver se hai vontade e compromiso dos socios para implicarse nun proxecto así”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información