O Parlamento pide regular as novas plantacións de eucaliptos

O PP defende mesmo a súa prohibición, aínda que sen concretar, na provincia de Ourense e na montaña de Lugo. A oposición critica que a norma aprobada non resolve o problema. AGACA propón que cooperativas e sindicatos denuncien os casos de plantacións forestais en terras agrarias.

O Parlamento pide regular as novas plantacións de eucaliptos

Plantación forestal en terras agrarias.

A Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia aprobou hoxe cos votos do Grupo do Partido Popular unha iniciativa que insta á Xunta de Galicia a “regulamentar as novas plantacións de eucaliptos en terreos forestais, para que, dunha maneira ordenada, se poida aproveitar este recurso”.

Ángel Camino Copa, o deputado do Partido Popular que defendeu esta proposición non de lei, recoñeceu que a Lei de Montes non se está a aplicar no relativo ás reforestacións e novas plantacións de eucaliptos.

En concreto, advertiu de que “en concellos da provincia de Lugo, estase a observar nestes últimos tempos unha proliferación importante de plantacións de eucaliptos en zonas nas que antes non existían, cun cambio no entorno e na paisaxe que, segundo consideramos, non debería producirse, e para o cal sería necesaria impulsar unha regulación precisa”.

Prohibir as plantacións de eucaliptos na Montaña de Lugo e na provincia de Ourense

Para iso, defendeu “unha ordenación no territorio deste recurso, que compatibilice eses intereses económicos cos usos do territorio e a paisaxe, chegando incluso a prohibir as repoboacións de eucaliptos naqueles concellos para os que non existan modelos silvícolas orientativos -A Montaña de Lugo e a provincia de Ourense- á fin de promover e asegurar a demanda que os mercados galegos necesitan doutras especies (carballo, castiñeiro, piñeiro,…), aínda que o seu rendemento non sexa a curto prazo”.

Porén, o texto aprobado rebaixa sensiblemente esta demanda e limítase a pedirlle á Xunta que “regulamente as novas plantacións de eucaliptos”, sen falar de prohibición.

O eucalipto pasou de ocupar o 2,79% da superficie forestal nos anos 80 a máis do 20% na actualidade

O deputado popular lembrou que, segundo os datos do último inventario forestal 2008-2010, dos 1,4 millóns de hectáreas forestadas que ten Galicia, 288.000, o 20,57%, están con eucalipto. No inventario 1986-1990 esa especie ocupaba o 2,79% da superficie forestal galega e no seguinte inventario xa ocupaba o 12,27%.

A oposición critica que a iniciativa non resolve o problema

A oposición votou en contra a da proposición non de lei do Grupo Popular por considerar que resulta ineficaz e non resolve a problemática da expansión do eucalipto, fundamentalmente a terras agrarias. Para Tereixa Paz, do BNG, “a única regulación posible do eucalipto é a que estableza que non se estenda máis no territorio galego, que non haxa dependencia de ENCE e que ordene a desaparición dos eucaliptos en terras con aptitude agraria”, uns argumentos cos que coincidiron os voceiros de AGE e do PsdeG-PSOE.

AGACA propón que cooperativas e sindicatos denuncien os casos de forestación de terras agrarias

Por outra parte, o xerente de AGACA, Higinio Mougán, plantexou hoxe durante unhas xornadas sobre o sector lácteo a posibilidade dunha acción coordinada entre distintas organizacións do sector, como cooperativas e sindicatos, para denunciar os casos de forestación que lles comuniquen.

A proposta xurdiu en vista da necesidade de máis SAU para as explotacións gandeiras e de que se está a detectar un problema de forestación de terras agrarias, fundamentalmente con eucaliptos. Ademais, dende AGACA percíbese que non hai iniciativa pública da Xunta para actuar de oficio ante unhas ilegalidades que, no contexto do rural galego, é complicado que sexan denunciadas por un gandeiro, xa que suporía un enfrontamento directo cos veciños infractores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información