O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o incremento en 8 millóns da liña de axudas de incorporación á actividade agrogandeira ata un total de 26 millóns de euros para os mozos de entre 18 e 41 anos que queiran incorporarse á actividade agrogandeira.
O Consello da Xunta aprobou este xoves un incremento do orzamento para estas axudas de 18 a 26 millóns de euros, 8 máis, para un total de 657 solicitudes que foron aprobadas, dun total de máis de setecentas que se presentaron. Feijóo salientou que “este será o ano co maior número de solicitudes aprobadas, o que representa unha suba do 350% respecto á convocatoria do ano 2015”. En 2015 beneficiáronse destas axudas 146 mozos e mozas e no 2014 foron un total de 264 os beneficiarios, unha cantidade relativamente baixa debido a que Galicia non tiña aprobado o seu PDR, e polo tanto non dispuña dos fondos europeos para cofinanciar estas axudas.
A contía básica de cada subvención sitúase nos 20.000 euros de mínimo, ampliables ata os 70.000 euros, tal e como establece a nova regulamentación da Comisión Europea. Grazas á ampliación de crédito, en 2016 haberá en Galicia unha axuda media de preto de 40.000 euros.
Unións Agrarias: “O novo PDR explica este incremento das solicitudes aprobadas”
O responsable de Gandería de Unións Agrarias, Javier Iglesias, valora positivamente o incremento tanto da partida orzamentaria aprobada hoxe como do número total de solicitudes aprobadas, pero atribúeo “ao novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR)“de Galicia 2014-2020, aprobado pola Comisión Europea o pasado en novembro de 2015, con dous anos de atraso.
“As axudas de incorporación están subvencionadas con cargo ao novo PDR, que á súa vez se financia nun 75% por fondos europeos Feader, e nun 25% con cargo a fondos da Xunta e do Ministerio, nunha proporción que é agora do 70 e do 30%, e nos dous últimos anos ao non contar co novo PDR galego a Xunta aprobou un número moi reducido de axudas de incorporación, o que explica este aumento de 2016”, asegura Javier Iglesias.
Por outra parte, o responsable de Unións alerta de que “a cuestión pendente agora son os plans de mellora, dos que non se aprobou case ningún nos últimos dous anos, e que agora a Consellería parece que quere endurecer as condicións para solicitalo”.
Quen pode solicitar a axuda de incorporación e como se aboa?
Feijóo salientou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que “hai máis mozos e mozas que nunca que queren incorporarse á actividade agraria”, o que obrigou a incrementar as cantidades destinadas a estas partidas para poder atender o total de solicitudes.
Estas axudas están destinadas, desde a súa habilitación no ano 2007, a persoas de entre 18 e 41 anos que queiran incorporarse á actividade agrogandeira. Para acceder ás axudas os beneficiarios deben iniciar as actuacións do plan empresarial que presenten nos nove meses posteriores a que se lles notifique a concesión e completalas nun prazo de 24 meses. O 60% da cantidade recibiraa ao iniciar o plan e o 40% ao finalizalo.
Existen catro modalidades de incorporación á actividade agraria: a titularidade exclusiva; compartir a titularidade dunha explotación agraria prioritaria, como as situadas nunha zona de montaña; integración como socio nunha cooperativa; ou a titularidade compartida. E á hora de conceder as axudas daráselle prioridade a criterios como os de instalarse a tempo completo; a localización en zonas desfavorecidas de montaña; crear emprego adicional ou crear unha explotación ecolóxica ou mediante un proxecto innovador.