Medio Rural impulsará un proxecto piloto para reorganizar as terras agrarias

O plan Marcos definirá polígonos agrícolas a nivel local nos que promoverá intercambios temporais das terras e arrendamentos das superficies improdutivas. Baralla catro comarcas para emprender a iniciativa: Terra Cha, Eume, Ortegal e Deza

Medio Rural impulsará un proxecto piloto para reorganizar as terras agrarias

A perda de superficie agraria restrinxe o terreo dispoñible para as explotacións que quedan.

Galicia perdeu máis de 100.000 hectáreas de superficie agraria na última década sen que as sucesivas leis, normativas e organismos, como o Banco de Terras, conseguisen parar a sangría. O sector gandeiro vén demandando nos últimos anos instrumentos prácticos que permitan impulsar a reorganización das terras agrarias a nivel local e sen os grandes procesos que requiren as concentracións parcelarias (agora denominadas reestruturacións parcelarias). Medio Rural dá agora resposta a esas peticións cun proxecto piloto.

A iniciativa, denominada Plan Marcos (Mecanismo Agrario de Reestruturación Comunitaria da Superficie), busca crear polígonos agrarios de entre 50 e 200 hectáreas sobre os que impulsar a reorganización de usos das terras. O proxecto consiste en propiciar un intercambio de parcelas temporal e voluntario entre titulares de explotacións, así coma arrendamentos dos predios non utilizados, todo elo con carácter reversible.

O sistema permitiría completar o traballo nunha zona en menos de 6 meses, xa que non modifica lindes, pistas nin valados

O Plan Marcos, que só modificaría o dereito de uso dos predios, pero non a súa propiedade, preséntase como un sistema áxil, pois unha vez iniciado o traballo nunha zona, en 6 meses podería quedar rematado. A iniciativa toma o seu nome, Marcos, dunha proposta elaborada polo Laboratorio do Territorio (Escola Politécnica de Lugo, Universidade de Santiago) para impulsar a reorganización e mobilidade das terras agrarias.

Zonas para o proxecto piloto
A intención de Medio Rural, segundo anunciou onte o Goberno autonómico tras o Consello da Xunta, consiste en realizar un plan piloto nalgunha das seguintes zonas: Vilalba e arredores (Lugo), Eume, Ortegal (ambas na provincia da Coruña) ou o Deza (Pontevedra). O proxecto será coordinado polo Banco de Terras.

O mecanismo concíbese como complementario ás concentracións parcelarias e considérase que é de interese para áreas locais de escaso tamaño (50-200 hectáreas) e que estean infracultivadas. Permitiríase así o acceso á terra das explotacións existentes, así como a reorganización da mesma para facilitar a agrupación da superficie e a súa proximidade ás granxas. Entre as vantaxes do sistema, Medio Rural destaca que se adapta ás infraestruturas viarias existentes, conservando intactos peches, valados e delimitacións.

A posta en marcha de iniciativas como esta, de reorganización das terras agrarias a pequena escala, era unha necesidade que se viña constatando os últimos anos en sucesivos informes e xornadas sobre a mobilidade de terras agrarias que promoveron organismos como o Laboratorio do Territorio (USC) ou a Fundación Juana de Vega. Tamén Unións Agrarias ten avogado por impulsar este tipo de ferramentas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información