Dairylac e o Grupo TGT dispútanse a compra de Lácteos Pérez Olveira

A empresa galega e o grupo catalán presentaron ofertas no marco do concurso de acreedores no que se atopa a industria. A liquidación da firma permitirá facer fronte a parte da débeda que arrastraba

Dairylac e o Grupo TGT dispútanse a compra de Lácteos Pérez Olveira

Lácteos Perez Olveira.

A elevada débeda que arrastra Lácteos Pérez Olveira, no entorno dos 10 millóns de euros, obrigará á venda das instalacións da firma na Pereira (Santa Comba) e no Pino. O xulgado que administra o concurso de acreedores da compañía ten xa dúas ofertas sobre a mesa, unha da industria galega Dairylac (Melide), conformada por Lasurgal e pola cooperativa Icos, e outra do grupo catalán TGT, fabricante e importador de queixos.

As dúas ofertas están equilibradas na proposta económica, tras igualar Dairylac a cantidade ofrecida por TGT, que ronda os 6 millóns de euros, polo que o xulgado deberá ter en consideración aspectos complementarios de ambas propostas. No caso de Dairylac, a adquisición de Lácteos Pérez Olveira preséntase como unha operación fundamental para o seu plan de desenvolvemento a partir da produción de queixos.

Proxecto de Dairylac
Antes de que Lácteos Pérez entrase en concurso de acreedores, Dairylac estivera en conversas coa empresa para chegar a unha alianza, se ben finalmente non foi posible. Dairylac, froito da asociación entre Lasurgal e a cooperativa gandeira Icos, con participación tamén da Xunta de Galicia, está na actualidade centrada no lanzamento de produtos dirixidos á restauración. Para unha segunda fase, prevé a produción a gran escala de queixos de denominacións de orixe galegas.

O seu proxecto, que pasa por conquistar mercados en toda España para queixos galegos de calidade, é visto con bos ollos no sector gandeiro, xa que pénsase que pode xerar valor engadido para o leite galego. Para a posta en marcha da produción de queixos, Dairylac ten como primeira opción a adquisición de Lácteos Pérez Olveira e da súa filial no Pino, Alimentos Ruta Xacobea. De non prosperar esa opción, terá que buscar outras alternativas.

Para un futuro, nunha terceira fase, Dairylac ten en mente afrontar a produción de alimentos de nutrición infantil. Tamén instalará unha torre de leite en po, para a que xa ten unha axuda concedida da Xunta, co obxectivo de canalizar excedentes produtivos.

Grupo TGT
A outra oferta de compra para Lácteos Pérez Olveira corresponde ó grupo catalán TGT, que fabrica queixos e que se caracteriza tamén polo labor de importación e distribución de queixos europeos, comercializados en ocasións a baixos prezos nas cadeas de distribución, unha situación que esperta reticencias no sector gandeiro. Polo de agora, non trascendeu o proxecto que ten TGT para as instalacións de Pérez Olveira.

A decisión do xulgado que administra o proceso concursal da industria de Santa Comba espérase para próximas datas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información