As vendas da IXP Pan de Cea aumentaron un 5% en 2015

As vendas da IXP Pan de Cea aumentaron un 5% en 2015

Carlos Rodríguez, presidente da IXP; José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares

O Campo da Saleta acollerá este domingo 3 de xullo unha nova edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano cumpre o seu 25 aniversario e para celabralo ten organizado un amplo programa de actividades. A presentación do mesmo tivo lugar esta mañá no Centro Cultural da Deputación de Ourense e contou coa presenza do presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez; do secretario da IXP, Ricardo Losada; do presidente do ente provincial, José Manuel Baltar; e do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares.

Carlos Rodríguez salientou que esta 25 edición da festa será unha celebración moi especial e, por iso, contará cun amplo programa co que IXP e o Concello agarda incrementar o número de persoas que, ano tras ano, participa na Festa de Exaltación do Pan de Cea. A previsión é que se poidan degustar durante o domingo arredor de 2.700 pezas deste produto con Indicación Xeográfica Protexida. Ademais, está confirmada a participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, e o seu homólogo no Parlamento, Miguel Santalices, e o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.

Pola súa banda, o presidente da IXP aproveitou para explicar que “as vendas do Pan de Cea non paran de medrar. De feito, no 2015 aumentaron un 5%, superando as 700.000 pezas. Esta maior demanda prodúcese en especial fóra de Galicia e, en concreto, en restaurantes e tendas delicatessen”.

Ruta dos fornos e cociña en vivo

Aínda que a xornada grande do Pan de Cea será o domingo 3 de xullo, xa para o sábado 2 de xullo están preparadas varias iniciativas. Entre elas, a xa consolidada Ruta dos Fornos pola vila de Cea, entre as 19 h e 22 horas, contará coa animación de “Vai de Baile”. Ademais os catro fornos tradicionais -o da Parapeta, o do Santo, o do Abade e o do Lodaira ou Panadeira- disporán de pinchos e viño para os visitantes.

Tamén, un ano máis, terá lugar a cociña en vivo da man da chef ourensana, Emma Pinal, quen ás 17.30 h na Praza Maior elaborará diferentes pratos cos máis pequenos, quenes despois deixarán paso os maiores que poderán probar a súa arte nos fogóns ás 19.15 horas ou ás 20.30 horas no mesmo lugar. A xornada do sábado pecharase cun concerto de LICHIS (ex-Cabra Mecánica), a partires das 23 horas na Praza Maior.

Un pregoeiro para a ocasión

A xornada grande, da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que nesta edición celebra o 25 aniversario, o domingo 3 de xullo, comezará ás 10.00 horas, cos tradicionais pasarrúas a cargo de charangas. Ás 12.30 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta. O pregón chegará ás 13.00 horas da man de Óscar Pereiro, ciclista galego e gañador do Tour 2006, que nesta especial ocasión será o encargado de pronunciar o discurso que inaugurará oficialmente a festa. A continuación, terá lugar o acto de homenaxes ás panadeiros xubilados e finalmente actuarán as Pandereteiras de Cea e charangas.

Veciños e visitantes poderán participar na degustación popular de produtos galegos con distintivos de calidade, que tamén serán os protagonistas do menú do tradicional xantar da Festa de Exaltación do Pan de Cea. Dito xantar comezará ás 14.30 horas. A sesión vermú e a verbena de fin de festa correrá a cargo da orquestra Fin de Siglo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información