O uso de enerxía renovable para autoconsumo permitiría aforrar no agro español 1.000 millóns de euros anuais

O proxecto Resfarm, coordinado por Unións Agrarias, trata de impulsar un sistema de bonos verdes para financiar a implantación destes sistemas. Cuestiona as penalizacións en España ó autoconsumo enerxético

O uso de enerxía renovable para autoconsumo permitiría aforrar no agro español 1.000 millóns de euros anuais

Rolda de prensa de representantes de Resfarm esta mañá en Santiago.

Se en España non estivese penalizado o autoconsumo enerxético polo coñecido como imposto ó sol, cada explotación láctea podería aforrar 6.000 euros ó ano cunha instalación de paneles fotovoltaicos. Os beneficios serían aínda maiores en granxas intensivas e nas comunidades de regantes do Mediterráneo. Só no regadío español poderíanse aforrar máis de 1.000 millóns de euros anuais con paneis fotovoltaicos, segundo cálculos do proxecto Resfarm, coordinado por Unións Agrarias-Upa.

Resfarm é unha iniciativa promovida por asociacións agrarias do sur de Europa (España, Italia e Grecia) co obxectivo de impulsar a enerxía renovable no agro como unha vía para reducir custos. No proxecto, coordinado por Unións Agrarias-Upa, participan tamén en Galicia o Sindicato Labrego e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), xunto coa Universidade da Coruña e socios tecnolóxicos e financieiros.

“A maior limitación non é a tecnolóxica nin a financieira, senón a normativa” (Julio Pombo, Universidade da Coruña)

Marco normativo
Os axentes que participan na iniciativa identifican dous atrancos clave que limitan a expansión das enerxías renovables no agro: a financiación e o marco normativo. “En España, a maior limitación non é a tecnolóxica, que está resolta, nin a económica, senón a normativa”, destaca Julio Pombo, da Universidade da Coruña.

Similar opinión expresa Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias. “En canto cambien as relacións de poder no sector eléctrico en España, os novos xeitos de producir enerxía aparecerán como un tsunami”, pronostica. “En España, as enerxías renovables para autoconsumo non se desenvolven por unha decisión política”, sentencia.

“En canto cambien as relacións de poder no sector eléctrico, os novos xeitos de producir enerxía serán un tsunami” (Jacobo Feijoo)

Beneficios para o rural
Os estudos desenvolvidos no marco do proxecto cifran en 6.000 millóns de euros os investimentos de enerxías renovables que se poderían acometer no regadío español, coas implicacións que esas cifras terían na mellora da renda das explotacións agrarias e na creación de emprego. O aforro para os agricultores superaría os 1.000 millóns de euros anuais.

Resfarm trata de deseñar un modelo de aproveitamento eléctrico que repercuta na economía do rural. “Cando se acometeu en Galicia o desenvolvemento da enerxía eólica, atopámonos con que as comunidades rurais, agricultores e propietarios da terra, foron as últimas en beneficiarse”, lembra Julio Alonso. “Con Resfarm tratamos de evitar que iso volva suceder e estamos deseñando propostas de instalacións axeitadas para o autoconsumo no agro”, describe Alonso.

Bonos verdes
Unha das principais liñas nas que traballa o proxecto é na busca de mecanismos de financiación para evitar que o agricultor ou gandeiro teña que acometer o investimento inicial das posibles instalacións. A solución que se trata de impulsar é un sistema de bonos verdes que permita a financiación a un interese inferior ó ofertado polas entidades bancarias.

O proxecto busca crear mecanismos financieiros para que as explotacións poidan afrontar os investimentos

“Estamos tratando de aglutinar un ‘pool’ de demanda duns 40 millóns de euros entre España, Italia e Portugal para negociar con entidades financieiras a implementación dun sistema de bonos verdes”, detalla Jacobo Feijoo.

O atranco ó que se enfrontan ós bonos verdes radica no marco normativo das enerxías renovables. “A peaxe ó autoconsumo eléctrico que hai en España é inaceptable para os investidores” -valoran desde Resfarm.- “Pódese buscar bo financiamento para instalacións non afectadas pola regulación, pero non para outras, coma os paneis fotovoltaicos”.

As penalizacións en España ó autoconsumo duplican o periodo de amortización dunha instalación fotovoltaica

Os impostos ó autoconsumo da enerxía fotovoltaica, así como á venda da enerxía sobrante á rede, lastran a implantación dos paneis no agro español e tamén dificultan a busca de financiación. As penalizacións ó autoconsumo duplican o periodo de amortización dunha instalación fotovoltaica dirixida a explotacións lácteas, que pode precisar dun investimento de arredor de 50.000 euros.

Instalacións en Galicia
En Galicia, os principais intereses das enerxías renovables sitúanse polo de agora nas granxas intensivas. “A implantación de caldeiras de biomasa podería sustituir ás instalacións de gas como sistema de calefacción en granxas avícolas ou de porcino. Para refrixeración no verán, serían moi útiles os sistemas de paneles fotovoltaicos, que eliminarían o gasto eléctrico da rede”, sinala Jacobo Feijoo.

As explotacións lácteas e zonas de regadio, como A Limia, tamén se poderían beneficiar dos aforros de custos que poden representar as enerxías renovables, segundo Resfarm, sobre todo se hai un cambio normativo que lle faga percibir ós agricultores unha mellor relación entre esforzo, risco e retorno económico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información