Detectado en Salvaterra do Miño un novo caso de nematodo do piñeiro

Medio Rural erradicará todas as coníferas nun radio de 100 metros. Manterá a actual zona de demarcación, nun radio de 20 quilómetros respecto ó positivo de hai catro anos nas Neves

Detectado en Salvaterra do Miño un novo caso de nematodo do piñeiro

O nematodo do piñeiro provoca o marchitamento e morte das árbores.

A zona limítrofe con Portugal no sur de Galicia rexistrou un novo positivo por nematodo do piñeiro. O caso produciuse en Salvaterra do Miño, dentro da actual zona de demarcación de 20 quilómetros establecida arredor do anterior positivo, que se detectara no 2010 no concello das Neves.

O nematodo do piñeiro, un verme que causa o marchitamiento das árbores e que provoca a súa morte, está estendido por toda a xeografía de Portugal e constitúe unha ameaza na zona fronteiriza. En España, detectárase nos últimos anos a súa presenza nas Neves (Pontevedra) e en Salamanca e Cáceres, o que obrigou á adopción de medidas de prevención extremas para evitar a súa expansión.

Medidas
O Consello Forestal de Galicia, un órgano consultivo da Administración autonómica, analizou hoxe a situación que se abre co novo positivo de Salvaterra. No Consello, presentouse un informe dos técnicos da Consellería do Medio Rural no que se propón a erradicación de todas as coníferas nun radio de 100 metros arredor do foco.

A normativa prevé a corta e eliminación de todos os piñeiros nun radio de 500 metros a partir do positivo, se ben permítese unha actuación menor, non inferior a 100 metros, por motivos sociais e ambientais. Medio Rural apelará ante o Ministerio de Agricultura a motivos sociais para propoñer que a corta se faga nun radio de 100 metros. O posible visto bo de Agricultura debería ser refrendado por Europa.

En canto á actual zona de demarcación de especial vixilancia, na que se viñan restrinxindo as cortas e movementos de madeira, a Consellería proxecta manter a súa superficie tal e como está agora, cun radio de 20 quilómetros arredor do positivo do 2010 nas Neves.

O que si cambiará é a regulación de cortas na zona demarcada. Medio Rural vai optar por non suspender temporalmente as autorizacións de corta de especies sensibles dentro desa área, de tal xeito que estas poderán concederse durante todo o ano. Iso si, sempre cumprindo coas condicións establecidas para o traslado da madeira dentro da zona demarcada.

Trampeo do insecto vector
Por último, a Consellería prevé duplicar o esforzo de trampeo do insecto transmisor da praga, xa que considera que se trata dunha medida de erradicación de grande utilidade.

A Consellería do Medio Rural xa informou aos concellos da contorna (A Cañiza, As Neves, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tui e Covelo) desta cuestión, así como a representantes do sector madeireiro (Fearmaga e Asociación Forestal de Galicia). Nuns días, e xa cos datos pechados, os interesados serán convocados a unha nova reunión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información