Un fungo mellora a loita contra o insecto transmisor do nematodo do piñeiro

Unha investigación da Universidade de Valladolid comproba o potencial do fungo 'Beauveria bassiana' para reducir as poboacións do escaravello vector do nematodo, un problema que afecta ó sur de Galicia

Un fungo mellora a loita contra o insecto transmisor do nematodo do piñeiro

O nematodo obriga a unha especial vixilancia nos piñeirais galegos próximos a Portugal.

A loita contra o nematodo do piñeiro céntrase na eliminación de pés decaidos e sintomáticos, así como no combate do insecto que tranmiste a praga, o ‘Monochamus galloprovincialis’. Unha investigación da Universidade de Valladolid comprobou o potencial dun fungo, ‘Beauveria pseudobassiana’ para reducir as poboacións do insecto vector do nematodo en maior porcentaxe que as trampas de captura convencionais.

O nematodo do piñeiro, un verme que causa o marchitamiento das árbores e que provoca a súa morte, está estendido por toda a xeografía de Portugal e constitúe unha ameaza na zona fronteiriza. En España, detectouse nos últimos anos a súa presenza nas Neves (Pontevedra) e en Salamanca e Cáceres, o que obrigou á adopción de medidas de prevención extremas para evitar a súa expansión.

Como o nematodo non pode desprazarse dunha árbore a outra pola súa conta, necesita un insecto vector que o transporte. En España e Portugal, o transmisor é o insecto nativo ‘Monochamus galloprovincialis’. Este insecto, a priori inofensivo, pasou a ser un asunto primordial en sanidade forestal e resulta imprescindible contar con ferramentas de xestión que axuden a monitorar e controlar as súas poboacións.

Insecto transmisor do nematodo. / Imaxe: Universidade de Valladolid.

Insecto transmisor do nematodo. / Imaxe: Universidade de Valladolid.

Por iso, nos últimos anos un equipo de investigación da Universidade de Valladolid en Palencia desenvolveu trampas e cebos atraíntes altamente eficaces e moi específicos, compostos pola feromona da especie, reforzada por cairomonas (sustancias químicas emitidas por outros insectos), que son utilizados no seguimento deste insecto e na súa captura masiva nos focos de infección.

Un dos últimos avances consiste nunha mellora do sistema de loita biolóxica contra o insecto transmisor do nematodo. Gonzalo Álvarez, investigador da Universidade de Valladolid, sinala que o fin último do proxecto está en reducir todo o posible o número de insectos que transmite a enfermidade para minimizar as posibilidades de que aparezan novos focos.

“O obxectivo, neste caso, xa non consiste simplemente en capturar insectos para reducir a súa poboación de xeito directo. Unha vez capturados, os insectos son auto-infectados dentro da trampa cun axente disruptor, o fungo ‘Beauveria pseudobassiana’, e logo liberados de novo portando con eles este axente que será transmitido a outros individuos da súa especie ao aparearse”, detalla.

Tres especies de fungos illadas por primeira vez
Os resultados da investigación da Universidade de Valladolid, que veñen de ser publicados na revista ‘Journal of invertebrate pathology’ , baséanse en experimentos realizados entre 2010 e 2013 en colaboración con investigadores da Universidade de Córdoba expertos no control microbiano de pragas mediante o uso de fungos.

Durante os invernos de 2010 e 2011, os investigadores recolleron case 500 trozas de piñeiro (seccións do tronco duns 50 centímetros de lonxitude) de árbores colonizadas por ‘Monochamus galloprovincialis’ para atopar unha especie de fungo potencialmente útil. Estas trozas foron coidadosamente cortadas en láminas e delas obtivéronse 84 mostras interesantes das que, finalmente, illáronse tres especies de fungos entomopatóxenos potencialmente útiles para este insecto: ‘Isaria farinosa’, ‘Beauveria pseudobassiana’ e ‘Lecanicillium attenuatum’.

O seguinte paso consistirá en adaptar as trampas de campo para que o insecto sexa inoculado co fungo

Para seleccionar unha destas tres especies de fungos estudouse a súa virulencia sobre adultos e larvas de ‘Monochamus galloprovincialis’, e concluíuse que ‘Beauveria pseudobassiana’ era “con diferenza” o fungo máis potente sobre insectos adultos.

Nunha segunda fase, xa só traballando con ‘Beauveria pseudobassiana’, “tratouse de axustar a dose adecuada e o tipo de formulación máis aplicable”, agrega Álvarez. Unha vez identificado un fungo e a súa dose apropiada, o obxectivo foi demostrar que podía haber unha transmisión horizontal e vertical. “Isto é, que o fungo fose capaz de ser transmitido dun insecto a outro e ter un efecto apreciable sobre a xeración seguinte de insectos”.

Para iso inoculáronse insectos con ‘Beauveria pseudobassiana’ e posteriormente emparelláronse entre si: machos inoculados con femias limpas e viceversa. Estas parellas foron comparadas con outras nas que ambos os proxenitores foran inoculados e con outras limpas, coa finalidade de atopar diferenzas significativas respecto ao grao de máxima e mínima mortalidade posible debida ao fungo.

Bos resultados da formulación en talco
Os investigadores probaron dúas formulacións, unha solución líquida e unha sólida, en forma de talco, coa que obtiveron os mellores resultados. “Coa formulación en talco, os insectos inoculados co fungo transmitíronllo as súas parellas, de maneira que a transmisión horizontal (dun sexo a outro durante a cópula) quedou demostrada. Ademais, as femias que foran contaxiadas por este método tiveron unha descendencia moito menor que as femias non expostas ao contaxio, polo que o efecto sobre a xeración seguinte tamén quedou demostrado”, subliña.

Unha vez realizada a investigación básica, os investigadores atópanse en disposición de deseñar un dispositivo con utilidade práctica en campo. “O seguinte paso é adaptar os cebos e trampas que desenvolve o noso equipo para que, unha vez capturado un individuo, sexa inoculado coa cepa de ‘Beauveria pseudobassiana’ e saia da trampa pola súa propia conta, portando o fungo e transmitíndollo a aqueles insectos da súa especie cos que entre en contacto”, conclúe Álvarez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información