“Debemos ir a máis coidados no viñedo e a menos procesos na adega”

Entrevista a Luís Gutiérrez, catador de The Wine Advocate, a prestixiosa publicación do norteamericano Robert Parker. Estes días está por Galicia realizando unha cata dos viños galegos.

Publicidade
“Debemos ir a máis coidados no viñedo e a menos procesos na adega”

Luis Gutiérrez na sede do CRDO Ribeiro

Luís Gutiérrez é catador de The Wine Advocate, a prestixiosa publicación do norteamericano Robert Parker. Estes días está a percorrer as denominacións de galegas e a finais de abril publicará un artigo sobre os viños de Galicia, outro sobre os viños do Bierzo e un terceiro sobre os de Xerez.

Na Ribeira Sacra realizou unha cata o pasado martes e o venres tocoulle a quenda aos viños do Ribeiro, aínda que subliña que “tamén me gusta moito visitar aos viticultores, falar con eles, catar os viños nas súas adegas e ver os viñedos”.

Podes avanzar algo da cata dos viños de Ribeira Sacra para The Wine Advocat?
Paréceme difícil e inxusto xeneralizar. Prefiro falar de viños en concreto, porque hai viños de Ribeira Sacra que están mellor e outros peor. A cata foi das anadas de 2013 e 2014, porque os de 2015 aínda non están dispoñibles. E notei que esas anadas foron difíciles, con choivas durante a vendima.

En xeral, nótase máis a irregularidade e, por tanto, quen traballou mellor o viñedo. Cando as condicións climatolóxicas son máis favorables é cando as anadas son máis homoxéneas. Prefiro as anadas difíciles, porque son as que dan máis sorpresas.

E que poderías dicir do Ribeiro?
O Ribeiro é unha zona de enorme capacidade aínda por explotar, a súa diversidade e mosaico dan moitas pezas para compoñer cousas moi bonitas. Prefiro os seus viños brancos aos tintos, pero nestes últimos hai moito potencial. Destacaría a tendencia para facer cada vez viños máis puros e que reflictan máis o territorio. O Ribeiro vai por bo camiño.

“Debemos ir a máis coidados no viñedo e a menos procesos en adega”

Téndese a pagar máis os viños por anadas?
Si que o mercado debería regular os prezos, pero debería estar un comercio desenvolvido como en Borgoña ou en Bordeus onde os prezos márcanos as anadas. O que é importante é que os viños sexan cada vez máis representativos do viñedo e das anadas e menos do proceso que se realiza nas adegas.

Que consideras que se está facendo ben na viticultura en Galicia e que aspectos habería que mellorar?
Na parte da viticultura creo que temos que mellorar tanto en Galicia como en España. Creo que durante bastante tempo centrámonos moito na adega e nos enólogos e esquecémonos do viñedo, cando realmente isto último é o que marca un viño excelente. Creo que debemos ir a máis viñedo e menos procesos.

A tendencia xeral é a ir tamén a viños menos cargados de madeira, non tan extraídos, que acaban sendo moi uniformes. Creo que os excesos son negativos, tanto de madeira, como de extracción ou de madurez, e á inversa. As uvas deben expresar a personalidade do sitio, do terroir, porque a variedade e a diversidade é o que se valora.

De feito, a diferenciación é unha vantaxe competitiva no mundo do viño, e nese sentido a viticultura de Galicia conta co valor e a riqueza de ter numerosas variedades de vide autóctonas.

 “A tendencia é a ir cara a viños máis bebibles, non tan cargados de madeira”

Cales son as tendencias no mercado do viño a nivel mundial?
A tendencia é á diferenciación, a ir a viños que representen as diferenzas rexionais e de anadas. Doutra banda, creo que tamén se demandan cada vez máis viños máis bebibles. Creo que houbo uns anos nos que se fixeron viños para catas, para impresionar, cando a finalidade do viño é bebelo, compartilo con amigos e que encaixe na cultura gastronómica local.

Falas de que a exportación é ineludible para as adegas de España..Cales serían os mercados máis interesantes para os viños galegos?
As adegas non teñen máis remedio que exportar porque o consumo interno de España é catastrófico. Somos o menor consumidor de viño per cápita de Europa, uns 15 litros por habitantes e ano, cando todos os países da nosa contorna consumen polo menos o dobre.

No mercado global a competencia é tremenda. E en prezo vai ser difícil competir se levamos un viño estandarizado. Por iso temos que vender personalidade e diferenciación. Os viños galegos son máis lixeiros e frescos e iso é unha vantaxe porque a gastronomía tamén tende a ser cada vez máis lixeira.

Os mercados máis atractivos son aqueles en os que entenden o viño como parte da súa gastronomía, como Xapón, onde se aprecian os viños lixeiros e con pouca madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información