A Xunta apremia ás cooperativas primeiro compradoras a que se fusionen “e se deixen de personalismos”

Codegui empezou hoxe a enviar 25.000 litros para intervención mentres a consellería de Medio Rural segue mediando para buscarlle un comprador. Tres gandeiros da cooperativa de Guitiriz logran colocalo en Logística Alimentaria e Reny Picot.

A Xunta apremia ás cooperativas primeiro compradoras a que se fusionen “e se deixen de personalismos”

Cooperativa Codegui. Foto: TVG

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, conminou hoxe de novo ás cooperativas primeiro compradoras de leite de Galicia a que se fusionen para realizar unha oferta en conxunto de leite e ter máis capacidade de negociar mellores prezos para os gandeiros coas industrias.

“As 39 cooperativas primeiro compradoras que hai en Galicia teñen que deixarse de personalismos e fusionarse de xeito inmediato nunha soa”, asegurou esta mañá a conselleira na rolda de prensa de presentación da nova campaña da PAC.

Codegui: a Xunta segue mediando entre Leite Celta e a cooperativa para atopar unha solución

Ángelez Vázquez respondía desta forma a unha pregunta sobre a cooperativa Codegui, de Guitiriz (Lugo) á que este luns Leite Celta deixou de recollerlle o leite ao vencer o contrato e non renovalo a cooperativa portuguesa.

“Non é a primeira vez que isto sucede” lembrou a conselleira ao tempo que incidiu en que a consellería está facendo unha labor de interlocución con Codegui e con Leite Celta para buscar unha solución.

 Codegui empezou a enviar este luns 25.000 litros para intervención a 0,18 céntimos

Raúl Prieto, presidente de Codegui asegurou en declaracións a Campo Galego que “de momento non hai novidades e hoxe enviamos 25.000 litros para intervención en leite en pó” que lle serán pagados aos gandeiros a 0,18 céntimos mentres non se atopa unha solución mellor. Tres dos 50 gandeiros da cooperativa atoparon unha saída vendéndolle o leite a Logística Alimentaria e a Reny Picot.

Polo demáis, a conselleira do Medio Rural volveulle pedir ao Ministerio que publique canto antes o Decreto de Cesión de Prezos e a regulación da figura dos primeiros compradores. “Os gandeiros non poden seguir neste impass”, advertiu.

Igualmente, demandou que se poña en práctica o acordo para informar da orixe do leite na etiqueta e que empecen a funcionar as organizacións de produtores para poder ter máis capacidade de negociación do prezo do leite coas industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información