Medio Rural di que a Comisión Europea esixiu excluír da PAC as fincas con pastos arbustivos de menos de 0,3 ha

Ángeles Vázquez minimiza o seu efecto xa que “esta medida supón unicamente unha redución media por beneficiario de apenas 0,25 hectáreas” e non minguará o importe total dos dereitos de pago básico. Destaca que o novo pago para zonas de montaña substituirá ás indemnizacións compensatorias e dobrará o seu orzamento en 2016

Medio Rural di que a Comisión Europea esixiu excluír da PAC as fincas con pastos arbustivos de menos de 0,3 ha

Foto: Ovica

A Xunta cumpriu co esixido pola Comisión Europea á hora de excluír das axudas da PAC ás parcelas de menos de 0,3 hectáreas de pastos arbustivos ou de baixo arborado. Así o explicou onte a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no parlamento Galego en resposta a unha pregunta da deputada do BNG, Tereixa Paz.

A conselleira sinalou que en Galicia a práctica totalidade destas parcelas de menos de 3.000 metros cadrados de pastos arbustivos ou arborados adoitan ser bordes de parcelas (silveiras ou lindes), “que non cumpren os requisitos para ser admisibles dentro destas achegas da Política Agraria Común”.

Ángeles Vázquez indicou que, por este motivo, a Comisión obrigou a tomar medidas correctoras para evitar pagamentos indebidos sobre esas superficies, e iso foi o que fixo a Xunta. Ademais, aclarou que esta redución de superficie declarada considérase unha corrección da Administración non imputable ao beneficiario, polo que non provoca penalizacións sobre o resto da superficie.

“Non reducirá importe total dos dereitos de pago básico e terá un efecto moi limitado sobre a carga gandeira”

E puntualizou que esta decisión non minguará o importe total dos dereitos de pago básico, xa que estes asígnanse sobre a superficie resultante dos controis e o mesmo importe total de cada beneficiario repartirase nunha superficie algo menor.

A conselleira explicou, a maiores, que esta medida supón unicamente unha redución media por beneficiario de apenas 0,25 hectáreas, polo que o efecto sobre a carga gandeira será moi limitado.

Axudas para o pastoreo e da gandaría extensiva en zonas de montaña

En relación coas medidas concretas para a práctica do pastoreo e da gandaría extensiva en zonas de montaña e con especiais dificultades, Ángeles Vázquez concretou que por parte da Xunta xa se teñen adoptado estas iniciativas. Como exemplos disto, citou as axudas de xestión sostible de pastos ou de extensificación do vacún de leite, incluídas dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e as achegas para agricultura ecolóxica, tamén contempladas no PDR. Estas últimas xa se convocaron no ano 2015, estando previsto que nas vindeiras semanas os seus beneficiarios reciban as resolucións de aprobación.

O novo pago para zonas de montaña substituirá ás indemnizacións compensatorias e dobrará o seu orzamento en 2016

A titular de Medio Rural engadiu que con estas axudas deféndese a práctica do pastoreo e da gandaría extensiva e que estas medidas vanse complementar co novo pago para zonas de montaña e con limitacións naturais (que substitúe ás anteriores indemnizacións compensatorias).

Este pago vaise convocar en 2016 cun orzamento que case dobra ao dos últimos anos, xa que neste exercicio contará con 20 millóns de euros, fronte aos 11,1 de anteriores campañas. “Isto é posible porque non existirá unha carga gandeira máxima, o cal será especialmente favorable para as explotacións de vacún de leite, e ademais terá un importante importe por hectárea”, salientan dende a Consellería.

Una idea sobre “Medio Rural di que a Comisión Europea esixiu excluír da PAC as fincas con pastos arbustivos de menos de 0,3 ha

  1. louxedo

    Estes só abren a boca pra mentir. Seica Europa só lle impón a nosa consellería pq Asturias non recortou nada. A súa gloriosa xestión é a que fixo devolver case 60 millóns de € a Europa,seica non había onde investilos.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información