Pídenlle á Xunta que recupere as axudas a medidas preventivas dos ataques do lobo

O‐Xan preséntalle á Consellería de Medio Ambiente unha batería de medidas como as axudas á adquisición de mastíns ou para a instalación de mallas electrificadas “que se teñen demostrado efectivas para previr os ataques do lobo ao gando”

Pídenlle á Xunta que recupere as axudas a medidas preventivas dos ataques do lobo

Mastín gardando do rabaño. Autor: OVICA

O grupo de xestión dialogada do lobo en Galicia O-Xan entregoulle onte mércores á Consellería de Medio Ambiente unha serie de propostas para o fomento da adopción de medidas preventivas do ataque de lobo, “xa que dende o 2012 non se realiza ningunha acción por parte da Consellería”, segundo sinalan dende o colectivo.

A Proposta de Axudas Preventivas do Ataque do Lobo céntrase en catro liñas básicas:

1. Adquisición e mantemento de mastíns para a garda e protección dos rabaños.

2. Fomento do emprego de mallas fixas electrificadas (con malla ovelleira, postes de madeira tratada e arames electrificados).

3. Fomento do emprego de mallas móbiles electrificadas.

4. Compra de pastores eléctricos para a electrificación de mallas fixas e móbiles.

Dende O-Xan aseguran que “co informe aportado á Consellería preténdese establecer unha liña aberta de diálogo, traballo e colaboración que poida apostar de xeito decidido para tratar de evitar as mortes de gando, que merman considerablemente as capacidades produtivas das explotacións e conlevan un rexeitamento do lobo”.

As axudas irían con cargo ao novo PDR

O colectivo agarda que por parte dos representantes da Consellería de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, “haxa unha boa acollida destas propostas e poder iniciar, coa maior brevidade posible, unha serie de xuntanzas para poñer en marcha unha liña de axudas”. Sería con cargo aos orzamentos aprobados no novo PDR para o período 2015‐2020.

Medidas similares postas en marcha entre o 2006 e o 2009 tiveron “unha contrastada efectividade”

Neste sentido, dende O-Xan lembran que “na actualidade non existe ningún apoio ás medidas de prevención, xa que levan paralizadas dende o ano 2012”. A este respecto, salientan que “entre os anos 2006 e 2009 estivo en funcionamento un convenio xestionado pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) coa Consellería de Medio Rural, coñecido como Convenio de Mastíns, cunha contrastada efectividade”.

Por último, subliñan que “sendo necesarias as indemnizacións por danos de lobo ao gando que ven de aprobar a Consellería, constitúen medidas paliativas unha vez sufrido o ataque, polo que non abordan o problema na súa orixe”.

“Por esta razón, -conclúen- consideramos que é fundamental que sexan complementadas con medidas preventivas que diminúan a frecuencia dos ataques dos lobos ao gando, é dicir, axudas que permitan ás explotacións reducir a vulnerabilidade do seu gando fronte aos ataques dos lobos”.

Que é O-Xan?

O‐Xan é un grupo aberto de opinión para a xestión dialogada do lobo en Galicia. Está integrado por agrupacións gandeiras (ACRUGA, OVICA, PURAGA, SGPF, UUAA) e gandeiros a título individual, empresas do sector (Beealia), cazadores (UNAC, UNITEGA), entidades conservacionistas (AGCT), investigadores (CIAM, USC, Universidade de Oviedo) e técnicos vinculados coa xestión e conservación do lobo en Galicia.

Descarga a Proposta de Axudas Preventivas do Ataque do Lobo presentada por O-Xan

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información