As organizacións agrarias critican a perda de fondos de desenvolvemento rural en Galicia

A comunidade renunciou a investir o 6,29 % dos cartos concedidos pola Comisión Europea para o Plan de Desenvolvemento Rural 2007-2013, que se podía xustificar ata o 31 de decembro pasado

As organizacións agrarias critican a perda de fondos de desenvolvemento rural en Galicia

O sector considera que os fondos poderían ter revertido nas explotacións agrarias.

Galicia perdeu alomenos un 6,29 por cento dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2007-2013, o que supón 55,9 millóns de euros de cartos europeos, que coa cofinanciación autonómica chegarían a uns 70 millóns de euros. Outros 51 millóns de euros están pendentes de xustificación de gasto. Tanto o Sindicato Labrego como Unións Agrarias criticaron onte a perda de fondos nun intre de crise, un ciclo pouco axeitado para “desperdiciar”, din, os cartos ofrecidos por Bruxelas.

A perda de fondos europeos, da que informou onte Agrodigital, deixa a Galicia como quinta comunidade con máis fondos devoltos a Europa, segundo as cifras provisionais que se manexan. “Estamos por debaixo da media nacional no cumprimento do PDR” -valora o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.- “Temos que tomar exemplo de comunidades como Asturias, que investiron o 99,97% dos fondos”, valora Feijoo.

Desde Unións Agrarias explican que os fondos que se perderon poderían ter servido para cuestións como financiar os plans de mellora de explotacións que se denegaron na última convocatoria ou para pagar os contratos de explotación de 3.000 granxas durante cinco anos. Jacobo Feijoo demanda “máis diálogo social” da Consellería para mellorar a execución do novo PDR 2014-2020 e unha maior flexibilidade para mover cartos ás liñas con máis demanda, de xeito que se garanta que non quedarán fondos sen utilizar.

O Sindicato Labrego, pola súa banda, lembra que xa advertiu no 2011 dos atrasos na convocatoria de liñas de axudas do PDR 2007-2013 e sinala que a perda de fondos que trascendeu onte non fixo máis que confirmar os seus temores.

Novas axudas do PDR
En canto ás novas liñas de axudas do PDR 2014-2020, publicadas no Nadal, o sector forestal está pendente de que se publique no DOG unha corrección de erros ás ordes de axudas, pois detectáronse diversas erratas nas mesmas. En canto se publique a corrección, abrirase o prazo dun mes para solicitar as subvencións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información