O sector lácteo volve dar sinais que obrigan a acender a alarma. A producción de leite continúa a aumentar en toda a UE nun contexto de excedentes, en tanto que os produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga), tradicionais canalizadores dos excesos de producción, están estes días a tocar fondo, con cotizacións mesmo por baixo das da crise do 2009. Este escenario disparou as ofertas de leite en po e manteiga para intervención pública ata niveis que non se vían desde o pasado verán. Así as cousas, o aumento estacional da producción de cada primavera desencadeará previsiblemente, se nada o evita, graves problemas para as granxas galegas e do resto de España.
Os excedentes ameazan con provocar novas caídas do prezo entre as granxas que traballan con primeiros compradores (intermediarios), así como dificultades de recollida. Imaxes nunca vistas en Galicia, como as das granxas de Teixeiro, Santa Comba ou Rodeiro que a pasada primavera se viron obrigadas a tirar o leite varios días por falta de comprador, ameazan con retornar esta primavera.
“Nin gandeiros nin industrias a nivel individual poden tomar decisións de mercado. O Ministerio ten que liderar o sector” (Javier Taboada, Icos)
O sector gandeiro de Galicia amósase preocupado ante as perspectivas que se aveciñan. Cooperativas e organizacións agrarias avogan por unha estratexia de país para o sector lácteo e por unha regulación da producción a nivel europeo.
Cadea do leite en España
O presidente da cooperativa Icos, Javier Taboada, advirte de que as decisións sobre o mercado non as poden tomar os gandeiros nin as empresas a nivel individual: “España precisa unha estratexia de país no sector lácteo que ten que liderar o Ministerio de Agricultura. En primeiro lugar, é necesaria unha estratexia de defensa do mercado interno. O mercado común non é tal desde o momento en que outros países canalizan sistematicamente os seus excedentes cara España, en tanto que as industrias españolas non teñen acceso, por exemplo, ó mercado francés”, cuestiona.
O segundo punto no que incide Taboada é na necesidade dunha contención da producción en casos de excedentes como o actual. “Se hai que producir menos para evitar o desplome do mercado, ten que ser o Ministerio o que impulse esta planificación” -valora.- “As explotacións están atravesando unha situación complicada que nunca se viu en Galicia e hai que pensar que unha granxa, se ten que pechar, é moi difícil que volva funcionar”, advirte. Ó longo do último ano, en Galicia pechou unha explotación ó día.
“Temos unhas cadeas de distribución pouco colaboradoras e un país veciño, Francia, que afoga o noso mercado” (Higinio Mougán, Agaca)
Desde a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), o seu xerente, Higinio Mougán, comparte a preocupación tanto pola situación de excedentes como pola debilidade da cadea láctea española. “Non sabemos que vai pasar co leite” -resume.- “A situación dos mercados é mala, hai un forte crecemento da producción, en tanto que o consumo de China e dos países emerxentes non remata de despegar”, analiza. “En España, temos o problema a maiores dunha distribución que historicamente tivo poucas ganas de colaborar coa cadea de valor do leite e un país veciño, Francia, que en situacións de excedentes afoga o noso mercado”.
Políticas europeas
O problema dos excedentes de leite en Europa precisa, ó entender do Sindicato Labrego, dunha regulación pública da producción a nivel da UE, unha postura que tamén comparte en Galicia a Organización de Productores de Leche (OPL) e que é defendida a nivel europeo por varias coordinadoras agrarias como Vía Campesiña e a European Milk Board. “A situación é clara. Os excedentes levan a unha baixada dos prezos e a que se lles traslade ás granxas un prezo ruinoso. Precísase dunha política de regulación da producción no ámbito europeo, pero en lugar diso, a Comisión Europea limitouse ata o de agora a poñer parches que non serven de nada”, critica a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.
O Sindicato Labrego e a OPL defenden unha regulación dos volumes de producción a nivel europeo
A Comisión enfoca a súa acción sobre o mercado a axudas temporais para o almacenamento privado de produtos lácteos e a unha intervención pública a baixos prezos que ofrece unha nula rede de seguridade ante a caída das cotizacións. O escaso resultado das políticas europeas sobre a recuperación dos prezos do leite compróbase en situacións como as vividas en Galicia a pasada primavera, con centos de gandeiros que estiveron entregando o leite no entorno dos 18-20 céntimos o litro. En Holanda, nas últimas semanas, movéronse tamén cisternas spot de leite a uns 13 céntimos, se ben esas baixas cotizacións non repercuten de xeito tan directo sobre os gandeiros.
O Sindicato Labrego demanda unha postura do Goberno de España a favor dunha regulación da producción a nivel europeo. “É necesario que o Goberno defenda esta postura en Europa e que busque aliados noutros países da UE”, avoga Isabel Vilalba.
É posible a revalorización do leite en España a pesar da mala situación de mercado a nivel da UE?
O complicado panorama a nivel europeo coincide nun intre no que o sector gandeiro galego está negociando coas cadeas de distribución e coa industria para lograr a revalorización do leite nas granxas. A gran cuestión é se esa recuperación de prezo pode producirse a pesar do contexto global.
“O mercado español céntrase no leite líquido. Non nos afecta a situación da exportación nin do leite en po” (Roberto García, Unións Agrarias)
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, entende que ambas cuestións son independentes: “O mercado español está enfocado ó leite líquido, por tanto non debe afectarnos a situación dos productos lácteos industriais nin dos mercados de exportación, nos que nós non estamos” -sinala.- “Non hai inconvinte en que a pequena parte da producción que se destine para leite en po se regule en función das cotizacións internacionais, pero o problema en España está na cadea de valor do leite. Chegouse recentemente a un acordo coas cadeas de distribución para que aumenten os pagos que lle fan as súas industrias proveedoras polas marcas brancas. Agora estamos entrando na fase de negociar que as industrias lle trasladen eses aumentos ós gandeiros”.
O sector produtor ten previstas reunións e contactos a próxima semana coa maioría das industrias
Marxes
Para a próxima semana, están previstas reunións entre o sector e as industrias. O Sindicato Labrego comparte a posibilidade de chegar a acordos coas empresas transformadoras. “Hai unha revalorización que xa as cadeas de distribución lle están repercutindo ás industrias polas marcas brancas, e pensamos que a industria, pola súa parte, tamén ten marxe para mellorar o prezo do leite que usa para as súas marcas propias ou para queixos, pois con eses produtos, que se venden no supermercado a bos prezos, teñen marxe de actuación”, sinala Isabel Vilalba.
O Sindicato Labrego considera que é posible abordar tamén coas industrias cuestións como a limitación dos aumentos de producción, pero sempre que esa limitación se faga a nivel estatal, non só de Galicia, e que tamén se poñan límites á entrada de cisternas de leite ou de leite envasado procedente de Francia e Portugal.