O crecemento que está experimentando en Europa a producción láctea tras o fin do sistema de cotas está poñendo en problemas ás industrias para absorber os aumentos de volumes. A holandesa Friesland Campina, a maior cooperativa láctea de Europa, vén de introducir unha limitación voluntaria das entregas para as súas granxas. Os gandeiros que reduzan a produción ou que non a aumenten entre o 1 de xaneiro e o 11 de febreiro recibirán unha bonificación de 2 céntimos por litro. Como cantidade diaria de referencia, adóptase a media do producido entre o 13 e o 27 de decembro.
Friesland Campina procesou no 2015 un 6,5 % máis de leite e está ó límite da súa capacidade, polo que acordou o establecemento de límites voluntarios de entregas por parte das súas granxas. A European Milk Board, unha coordinadora europea de organizacións gandeiras na que participa a Organización de Productores de Leche (OPL), analiza o movemento de Campina como un “sinal clave”: “As industrias están deixando claro que o crecemento sen control da producción láctea é problemática e que debe haber instrumentos para loitar contra ese aumento”, valora a European Milk Board (EMB).
Valoracións do sector
Desde a EMB, sen embargo, consideran que as iniciativas individuais das industrias non son suficientes e apostan por unha xestión centralizada dos límites á producción: “Corresponde ós políticos establecer o marco xurídico axeitado e estipular os volumes a producir de cara a lograr uns prezos que cubran custos de produción”.
A European Milk Board vén propoñendo nos últimos meses o establecemento dun sistema que limite a producción en intres de crise. Vía Campesina, outra coordinadora agraria na que participa o Sindicato Labrego, tamén é partidaria dunha regulación pública da producción, se ben o Sindicato Labrego avoga por limitacións diferenciadas en función do maior ou menor autoabastecemento de cada Estado membro.