Medio Rural soltou no 2015 arredor de 1,6 millóns de parásitos do gorgullo do eucalipto

A loita biolóxica contra a plaga aumenta cada ano desde o 2012, se ben os propietarios forestais advirten das dificultades de controlar o problema, que ten un serio impacto en Galicia

Medio Rural soltou no 2015 arredor de 1,6 millóns de parásitos do gorgullo do eucalipto

O gorgullo do eucalipto causa serios danos ó comer as follas da árbore.

A loita biolóxica emprendida por Medio Rural contra o gorgullo do eucalipto medra ano a ano, segundo se deduce das cifras de soltas do parásito da plaga que manexa a Consellería. No 2012 as soltas ascenderon a arredor de 1,3 millóns de ‘Anaphes nitens’, o parásito que depreda o gorgullo de eucalipto, en tanto que no 2015 as soltas superaron os 1,6 millóns de individuos. Con todo, o sector advirte das dificultades de controlar o problema.

A estratexia contra o gorgullo do eucalipto (Gonipterus platensis Marelli), un insecto defoliador da árbore, céntrase na distribución por toda a xeografía galega de bolsas con depósitos de ovos (ootecas) do gorgullo parasitados polo Anaphes nitens. De cada bolsa, dotada de 50 ootecas, poden saír arredor de 200 ou 300 ‘Anaphes nitens’, que proseguirán a depredación das postas de ovos do gorgullo do eucalipto.

A mortandade invernal do parásito do gorgullo obriga a repetir altas soltas cada ano

Un dos problemas da estratexia biolóxica é a alta mortandade invernal do parásito do gorgullo, unha circunstancia que obriga a repetir altas soltas cada primavera. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro está a valorar novas vías de loita contra a plaga que permitan maiores avances dos logrados ata o de agora.

Nos últimos 15 anos, as porcentaxes de defoliación media das masas de eucalipto polo gorgullo movéronse sempre por enriba do 20% e mesmo por enriba do 30% de danos, segundo os datos que expuxo Ulises Diéguez (Universidade de Santiago) nunhas recentes xornadas sobre o recurso madeireiro de Galicia organizadas pola Plataforma Devesa. A madeira de eucalipto que se deixa de producir polo efecto da plaga cada ano pode calcularse nunhas 800.000 toneladas, segundo estimacións expostas nas mesmas xornadas.

A madeira de eucalipto que se deixa de producir pola plaga ronda as 800.000 toneladas ó ano

Propietarios forestais
O sector ten criticado a Medio Rural por facer escasas soltas do parásito contra o eucalipto, se ben os datos que fixo públicos agora a Consellería semellan desmentir aquelas valoracións e sitúan o problema noutra cuestión, a imposibilidade de rematar coa plaga do gorgullo, coa que non queda outra que convivir.

Medio Rural recoñece que a loita biolóxica non pode lograr a extinción total do gorgullo, senón só a reducción da súa poboación ata acadar uns niveis de danos que sexan asumibles. O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, incide no esforzo que está a facer a Consellería na loita biolóxica, que ten un correlato de esforzo similar por parte da industria do papel.

“Cando un viticultor ten problemas fitosanitarios, a Administración non lle paga os tratamentos” (Tomás Fernández Couto)

Couto, nas xornadas organizadas pola Plataforma Devesa, si botou en falta unha maior implicación dos propietarios. “Cando un viticultor ten problemas fitosanitarios co viñedo, a Administración non lle paga os tratamentos”, comparou. O director xeral tamén suliñou a necesidade de plantar o eucalipto globulus só en zonas nas que se dea ben, con humidade e altitude idóneas, xa que en zonas pouco propicias é máis susceptible ó ataque da plaga.

Inventario da plaga
Desde finais do 2010, Medio Rural vén desenvolvendo un inventario do estado da praga do Gonipterus platensis Marelli. A finalidade é coñecer con precisión a evolución da distribución xeográfica, dinámicas das poboacións e variacións do ciclo biolóxico anual, así como avaliar os grados de defoliación que está ocasionando.

A partir dunha malla de 8×8 quilómetros de lado, superposta sobre o mapa galego, seleccionáronse as 174 parcelas máis representativas de eucalipto e clasificáronse en prioritarias ou secundarias segundo a presenza da plaga e o grao de danos.

taboa danos gorgullo

2 ideas sobre “Medio Rural soltou no 2015 arredor de 1,6 millóns de parásitos do gorgullo do eucalipto

  1. Fernando

    ¿Hay alguna manera de saber la localización exacta o razonablemente exacta (mínimo parroquia o lugar) donde se realizó la suelta de la avispa? Ya que hablar de x parcelas en una comarca es poco preciso y tener la información detallada podría ayudar a definir estrategias de plantaciones.
    Gracias!

    Contestar
    • Gonzalo1977 Autor da publicación

      Trasladámoslle a túa pregunta á Consellería, Fernando, e en canto nos digan algo, comentámosche. En canto ó sistema que se segue para facer a colocación das bolsas con ootecas, copiámosche a continuación a explicación que nos dera a Xunta e que non incluimos no artigo por non alongalo en exceso:

      “A selección dos puntos de colocación das bolsas con ootecas parasitadas en toda a xeografía galega establécense en base a uns determinados criterios (masas de eucalipto segundo o cuarto inventario forestal nacional (IFN4), presenza destas masas en determinadas altitudes, fracción de cabida cuberta) e , a partir destes, xerase unha malla de 1Km por 1Km que consta de 1.002 puntos. Este puntos servirán de referencia central para a colocación de bolsas con ootecas parasitadas. (6.680 bolsas no 2015)

      En base a esta malla, seleccionanse as cuadrículas de todo o territorio galego con maior superficie ocupada por eucalipto que cumprira os criterios anteriores. Arredor do punto central de cada cuadrícula elixida, colócanse as bolsas con ootecas parasitadas.”

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información