Medio Rural aumenta partidas para o sector forestal nos presupostos 2016

A Consellería anuncia que as partidas adicadas a investimentos produtivos no monte duplícanse e pasan de 25 a 51 millóns de euros. A oposición considera que se seguen sen abordar “problemas claves” no país

Medio Rural aumenta partidas para o sector forestal nos presupostos 2016

O sector forestal contará con maiores apoios nas contas, segundo Medio Rural.

A Consellería do Medio Rural presentou no Parlamento as liñas xerais dos seus presupostos 2016, que ascenden a 503 millóns de euros, un 4,56 % máis que no anterior exercicio. Nas contas, a conselleira Ángeles Vázquez salientou o aumento da partida adicada ó investimento produtivo no monte, que pasa de 25 a 51 millóns de euros. “Fomentarase o aproveitamento enerxético da biomasa, a produción de castañas, cogomelos e froitos do bosque, e a creación de áreas silvopastorais, para as que haberá 700.000 euros”, avanzou.

A titular de Medio Rural, que compareceu na comisión de Orzamentos do Parlamento, incidiu en que o apoio ás empresas forestais se duplicará, en tanto que se triplicarán os fondos para o impulso ás sociedades de fomento forestal (Sofor), unha figura que permite a agrupación da xestión das parcelas particulares do monte. O presuposto para as Sofor pasa de 200.000 a 600.000 euros. “Temos na actualidade 5 Sofor constituidas en Galicia, que suman 900 hectáreas e 300 socios”, detallou Ángeles Vázquez, que suliñou que o camiño na xestión forestal pasa polo asociacionismo.

Gandaría
En canto ás liñas de apoio ós sectores gandeiros, Medio Rural incidiu no aumento dos fondos adicados a plans de mellora de explotacións, que medran un 7% ata os 26 millóns de euros, e da partida para incorporación de mozos, que será de 16,2 millóns de euros. “Apoiaremos a incorporación de 500 mozos á gandaría”, pronosticou a conselleira.

A Consellería anuncia unha liña de axudas para a primeira instalación de pequenas explotacións

Medio Rural tamén anunciou dúas novas liñas de axudas, unha para a primeira instalación de pequenas explotacións, que contará con 2,5 millóns de euros, e outra para servizos de asesoramento, xestión e sustitución, con 3 millóns de euros.

A partida destinada a concentracións parcelarias será de 22 millóns de euros, polos 13 da campaña anterior, se ben desde a oposición considérase un esforzo insuficiente.

Valoracións da oposición
Desde os grupos parlamentarios da oposición consideran os presupostos da Consellería como “máis do mesmo”. Como valoración global das contas, o socialista Pablo García sinalou que “non hai nada novo nin distinto” e lamentou que os presupostos de Medio Rural estiveran 148 millóns de euros por baixo dos do 2009, unha cuestión que o grupo popular achacou á crise.

Falta de ordenación do territorio e escasos apoios ó asociacionismo agrario e á mobilidade de terras, críticas da oposición

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (Age) na comisión, Antón Sánchez, incidiu pola súa banda na falta de ordenación do territorio e criticou a expansión da superficie forestal en detrimento da superficie agraria. “Modificaron a Lei do Solo, pero segue sen haber en Galicia unha ordenación dos cultivos”, criticou.

Sánchez tamén botou de menos nas contas de Medio Rural un maior apoio ó sector da horta, no que albisca un gran potencial en Galicia. O Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2015-2020, pendente de aprobación en Bruxelas, foi outra das cuestións abordadas por Age, que entende que o retraso na aprobación do PDR pon en entredito as contas de Medio Rural para o 2016.

Pola súa banda, a deputada do Bng Tareixa Paz enfocou as súas valoracións das contas de Medio Rural ó que considera descuido de “problemas graves”: “Todos coincidimos na análise de que é preciso potenciar o asociacionismo e o cooperativismo no rural e sen embargo vostedes reducen os apoios ó asociacionismo, que pasan de 3 millóns de euros a 1,3 millóns. Tampouco afrontan outra cuestión clave, como a falta de mobilidade das terras agrarias e faltan apoios para o sector lácteo”, cuestionou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información