A xestión forestal, o cortalumes oculto

A prevención de incendios ten un aliado clave nos propietarios dos montes. Falamos con Luis Ortega, xefe do servizo de Xestión Forestal, sobre as boas prácticas para reducir os riscos dos lumes

A xestión forestal, o cortalumes oculto

A falta de xestión do monte aumenta a biomasa sen control.

A boa xestión forestal ten o obxectivo principal de mellorar a produtividade do monte de xeito sustentable, asegurando simultaneamente, a persistencia e a estabilidade dos ecosistemas, pero tamén se presenta como un factor clave na prevención dos incendios forestais. “Un monte ben xestionado pode sufrir incendios, pero serán máis fáciles de controlar, xa que se reduce a velocidade de propagación do lume”, explica Luis Ortega, xefe do servizo de Xestión Forestal da Consellería do Medio Rural.

Os aspectos a ter en conta polo propietario para o correcto manexo das súas parcelas establécense nunha orde da Consellería do Medio Rural que describe as boas prácticas forestais. A orde ofrece unha vintena de modelos silvícolas para as distintas especies (piñeiro do país, piñeiro radiata, eucalipto, castiñeiro, etc…) nos que se estipulan os aspectos que deben coidar os propietarios, tales como o marco de plantación, a densidade de árbores por hectárea, podas a facer, rozas e rareos.

Medio Rural ofrece unha vintena de modelos silvícolas para as distintas especies nos que estipula os aspectos a coidar polos propietarios

“O obxectivo dos modelos silvícolas é mellorar a xestión, harmonizala e facela máis responsable, pero levan implícitos un papel importante na prevención de incendios –destaca Luis Ortega-. Se o propietario se ocupa de cuestións como regular a densidade para que sexa a correcta, podar as árbores e triturar os restos das cortas, pode haber incendios igualmente no monte, pero propagaranse máis lentamente. Será máis difícil que se estendan e que haxa lume de copas, que as lapas pasen de copa en copa”.

Ordenación do monte
Os modelos silvícolas deseñados pola Xunta constitúen un referente para a ordenación do monte por parte dos propietarios forestais, máis de 600.000 en Galicia. Os propietarios poden dotarse dalgún dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal previstos na Lei de Montes de Galicia ou adherirse aos modelos silvícolas que máis lles conveñan. A partir do 2020 non se autorizarán aproveitamentos forestais nos montes que non dispoñan destes instrumentos.

A partir do 2020 non se autorizarán aproveitamentos forestais en montes que non dispoñan de instrumentos de ordenación

Os plans de ordenación son habituais en comunidades de montes ou en entidades que agrupan a propietarios particulares, como as Sofor, pero non por parte dos pequenos propietarios individuais. “O propietario individual pode optar por facer un documento de xestión compartido, asociándose con varios veciños. Ese instrumento de xestión ten que estar feito por un técnico e deberá ser aprobado pola Administración. Se en cambio, o titular das parcelas de monte quere seguir facendo unha xestión individual, pode adherirse aos modelos silvícolas”, explica Luis Ortega.

Boas prácticas forestais
A orde que regula os modelos silvícolas inclúe nun anexo unha relación de boas prácticas forestais a ter en conta polos propietarios. Entre elas, figuran as seguintes, que están relacionadas coa prevención de incendios forestais:

– Cumprir coas distancias mínimas establecidas na Lei de Montes de Galicia para repoboacións forestais ou para rexeneracións naturais. As distancias para arborado a vivendas e núcleos rurais son coincidentes coas que establece a Lei de Prevención de Incendios: 30 metros para pinos e eucaliptos e 15 metros para especies frondosas coma o castiñeiro. Tamén se definen, entre outras, as distancias a outras parcelas forestais (2 metros), a pistas forestais (4 metros en xeral, 2 metros para frondosas) e a vías de comunicación (10 metros para pinos e eucaliptos, 4 metros para frondosas).

Pinos e eucaliptos deben manter unha separación de 30 metros ás vivendas

– Favoreceranse medidas de infraestruturas e de silvicultura, incluída a implantación e mantemento de pastos, que garantan a descontinuidade horizontal e vertical da biomasa forestal.

– As intensidades da poda deberán estar comprendidas entre 1/3 e a metade da altura total da árbore, nunca superiores.

– Triturar os restos forestais (non maiores de 50 cm.) logo das cortas e facer o seu espallamento mediante rozadora de cadeas ou martelos. Alternativamente poderanse retirar os restos do monte para o aproveitamento enerxético ou compostaxe, sendo aconsellable deixar unha porcentaxe mínima dun 30 % (fraccións máis finas) co fin de non impactar no ciclo de nutrientes do solo de xeito significativo.

– Por dificultades de mecanización xustificadas, baseadas en porcentaxes de pendentes -en calquera caso superiores ao 30 %- ou por ser un terreo pedregoso ou con risco de erosión, poderanse facer excepcións á obriga de triturar ou extraer os restos, debendo entón facerse un picado dos mesmos.

“É imposible detectar e sancionar cada unha das infraccións. Tampouco a xestión forestal pode ser xestión policial” (Luis Ortega)

– Promover a formación de masas mixtas ou, cando menos, asegurar a aparición e mantemento de especies acompañantes á principal, especialmente frondosas autóctonas, que lle proporcionen máis estabilidade ao ecosistema forestal.

O incumprimento das normas establecidas na Lei de Montes, caso das distancias mínimas ou da trituración dos restos de corta, pode derivar en sancións para os propietarios. “Temos por exemplo moitos expedientes abertos por tema de distancias” -recoñece Luis Ortega-, se ben é imposible detectar e sancionar todas e cada unha das infraccións que se poden cometer nos dous millóns de hectáreas de monte que temos en Galicia. Tampouco se pode converter a xestión forestal nunha xestión policial. O que se busca coas sancións é un efecto disuasorio”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información