Implantación e mantemento de pradeiras en zonas abandonadas (II): sementeira e aproveitamentos

Un artigo de Eloi Villada Legaspi, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF)

Implantación e mantemento de pradeiras en zonas abandonadas (II): sementeira e aproveitamentos

Ao fondo pradeiras implantadas no entorno do Pedregal de Irimia na Serra de Meira a 800 metros de altitude. Autor: SGPF

A sementeira:

As sementeiras de pratenses, de preferencia, deben facerse ao final do verán ou na primeira metade do outono. As sementeiras de primavera reservaranse para as zonas atlánticas e frescas do interior ou con posibilidades de rega.

As especies e variedades das sementes que se van empregar dependerán tamén de que a zona sexa atlántica ou interior. Nas zonas costeiras e do norte ou frescas do interior, nas que a seca do verán non soe ser severa, as fórmulas empregadas para as pradeiras permanentes debe basearse na mestura de diferentes variedades de Rai-grass inglés e de trebo branco, aínda que se poden facer mais complexas incorporando o rai-grass híbrido e o trevo violeta.

Para as áreas do interior con problemas de seca estival recoméndanse mesturas mais complexas (Raigrás inglés, raigrás italiano, raigrás hibrido, dactylo, trevo branco, trevo violeta). En zonas con problemas de alagamento no inverno e seca no verán, incluír as festucas sería unha alternativa razoable, pero tanto as festucas como o dactylo, requiren un manexo moi estrito, porque cando se embastecen son pouco consumibles polos animais.

Zonas húmidas e frescas de toda Galicia (Norte de Lugo, A Coruña e Pontevedra)

Especie

Proporcións

Fórmula simple

Ray-grass inglés

25-30 kg/ha

Trevo branco

3-4 kg/ha

Fórmula complexa

Ray-grass inglés

10-15 kg/ha

Ray-grass híbrido

10-15 kg/ha

Trevo branco

3-5 kg/ha

*Empregar diferentes variedades,de folla mediana (huia),de folla grande (Ladino), etc…

Nas áreas mais calorosas e menos húmidas do interior e sur de Galicia e con solos areosos, con pouca capacidade de retención de auga (graníticos), convén diversificar as fórmulas de semente.

Nestes casos, ademais de empregar as especies tradicionais, pódese probar coas mesturas de leguminosas biodiversas como son os trevos encarnado, vesiculoso, migueliano, persa e outras leguminosas tamén anuais como a serradela e outras.

Son complexas de manexar, ao estaren compostas por plantas anuais, o que significa que no ano que nacen tamén morren e só se poden reproducir por nova semente, que terá diferentes graos de dureza para a xerminación, polo que parte das sementes poden tardar meses ou mesmo anos en nacer. Esta característica é o que vai permitir a creación un banco de sementes no solo, para periodos vindeiros. Esixe unha precipitación mínima de 450 ml. de choiva anual, o que se cumpre en calquera parte de Galicia.

Sementeira (fórmulas): zonas do interior con problemas de seca no verán

Especie

Proporcións

Ray-grass inglés

5 kg/ha

Ray-grass italiano

5 kg/ha

Ray-grass híbrido

5 kg/ha

Dactylo

10 kg/ha

Trevo violeta

5 kg/ha

Trevo branco

3kg/ha

*Pódense empregar máis especies como festuca, avea strigosa, etc

As novas especies de sementes pratenses:

Ademais das sementes tradicionalmente empregadas na implantación de prados en Galicia, están dispoñibles para o seu emprego nas sementeiras, especies de folla ancha como a achicoria e o plantago (lantén nalgunhas zonas de Galicia), polas súas características de resistencia á seca e aporte de minerais ou mesmo certa protección antiparasitaria.

Demostración do potencial forraxeiro de diversas especies no Salón da Herba en Bretaña-Francia. Autor: SGPF

Demostración do potencial forraxeiro de diversas especies no Salón da Herba en Bretaña-Francia. Autor: SGPF

Tamén son interesantes leguminosas como a esparceta, para zonas secas e calcáreas, e sobre todo a alfalfa, como planta forraxeira. Se ben é delicada no seu cultivo, porén é moi produtiva e de excelente calidade nutricional. Ademais, estas dúas especies permiten cumprir coa Superficie de Interese Ecolóxico que esixe a PAC en determinadas explotacións.

Unha gramínea que pode ter un grande interese para pradeiras de sega é o Bromo Catártico. É unha planta orixinaria de Arxentina, pero naturalizada en Galicia, moi abundante nas cunetas da zona norte, con certo parecido co Dactylo, moito mais vigorosa e excelente para sega pero que non soporta o pastoreo. Tamén están a aparecer variedades de Poa Pratense con evidente interese forraxeiro.

A Sementeira directa sen laboreo:

É aquela que se fai en pradeiras vellas ou esgotadas e nas que dominan as especies indesexables (agrostis stolonifera, poa annua, rumex sp…etc). Nestes casos aplicase un herbicida total (glifosato). Tamén nas zonas con forte seca no verán cando a vexetación está agostada, pódese facer unha sementeira directa con máquina que enterre un pouco a semente, sempre antes de que comecen as chuvias de outono. Os resultados son desiguais e dependen tamén das especies que se empreguen.

Cando se pretende rexenerar en base ao raigrás italiano ou hibrido, o resultado sole estar asegurado. Pola contra, cando se aspira a persistencias da pradeira a mais longo prazo, con raigrás inglés, os resultados son máis decepcionantes aínda que co tempo , arredor de dous anos, se poidan apreciar melloras inesperadas.

Este sistema tamén se ten probado con bo éxito en sementeira directas en montes de toxo, como aconteceu nos montes de Amoroce en Celanova (Ourense), con asesoramento de técnicos do CIAM. Para elo compre rozar o toxal o ano anterior e rozar de novo nos meses de Xullo-Agosto, encalar coas doses xa recomendadas, adubar con 40 m3 de esterco semilíquido de porco, sementar no mes de setembro con sementadora que enterre a semente e cunha mestura complexa de raigrás inglés, raigrás hibrido, trevo branco de folla grande e intermedia e trevo violeta.

Os primeiros aproveitamentos nas zonas de clima fresco:

Para que as pradeiras permanentes se establezan ben é esencial iniciar os primeiros aproveitamentos dun xeito correcto.

Cando as gramíneas teñan de 15-20 cm de altura e ao tirar por elas, rompan en lugar de arrincarse, considerase que é o momento axeitado para introducir o gado. O primeiro pastoreo debe ser rápido e retirar os animais cando a altura da herba se reduza ata 4-6 cm (6-8 cm no caso de vacas en lactación).

Na dereita, campo de plantago e de achicoria á esquerda como exemplo de novas especies de interese- Autor: SGPF

Na dereita, campo de plantago e de achicoria á esquerda como exemplo de novas especies de interese- Autor: SGPF

Iniciar cedo os aproveitamentos vai permitir que a luz chegue á zona da base e estimular que as gramíneas afillen máis e haxa moitas mais plantas por m2,. Tamén favorece a multiplicación vexetativa do trevo branco, así recibe mais luz, que lle permite emitir mais estolóns e ocupar mais e mellor o terreo. Lamentablemente tamén pode favorecer ao indesexable “agrostis stolonifera”, se non foi convenientemente eliminado no proceso de laboreo. Por todo elo o xermolo da pradeira será mais vigoroso e de alta calidade nutritiva.

No caso de que o pastoreo non sexa posible, é conveniente segar cando a herba alcance os 25-30 cm de altura. Se a presencia de “Agrostis Stolonífera” é elevada convén segar cunha altura maior da herba, para evitar que chegue moita luz ás plantas de agrostis e estimule a súa multiplicación vexetativa por estolóns. Se a pradeira se implantou correctamente e as especies sementadas cobren ben o solo, non é conveniente deixar que espiguen e resementen, porque as máis agresivas e resistentes afogarán ás outras e a pradeira tenderá a degradarse rapidamente.

Os primeiros aproveitamentos nas zonas con seca estival:

Nas zonas do centro e sur do interior de Galicia e en calquera parcela con problemas de seca estival, onde se sementaron fórmulas nas que predominan leguminosas anuais (trevo subterráneo, trevo migueliano, trevo vesiculoso, trevo persa, trevo encarnado, trevo branco, trevo violeta, serradela, raigras inglés, raigrás italiano, festuca, e achicoria, cun peso total de aprox. 30-35 Kg/ha.), gramíneas de curta duración, o tratamento debe de ser o inverso.

Así, nas pradeiras sementadas no outono con estas especies, pódeselles dar un lixeiro pastoreo no comezo ou no medio da primavera e logo non voltar a pacer e deixar que as plantas floreen, espiguen, maduren, para dar o seguinte aproveitamento en pastoreo, cando a pradeira estea seca e coa herba en pé.

Isto provocará que parte das sementes pasen polo tracto dixestivo dos animais e outra parte que sexan enterradas pola pisadas dos mesmos, para favorecer a creación dun banco de sementes no solo e a posterior renascencia vigorosa da pradeira no outono. Esta técnica é pouco usada en Galicia, pero ben coñecida en Portugal e noutros países de Europa. De feito, cada vez hai máis interese por este tipo pradeiras para as zonas con problemas de seca de verán.

A recuperación de pastos sen laboreo:

Pradeira establecida con leguminosas anuais. Autor: SGPF

Pradeira establecida con leguminosas anuais. Autor: SGPF

Nas áreas nas que existen grandes superficies abandonadas, que teñen dificultades para realizar o laboreo convencional (pouco solo, pendente excesiva, etc…) e son parcelas que están cerca doutras parcelas da propiedade ou forman parte dun monte veciñal..etc, pódese lograr a creación de pasteiros, en xeral de calidade mediocre, pero interesantes desde o punto de vista económico e ambiental.

O aspecto esencial para a mellora é a presión do pastoreo, combinada con queimas ocasionais localizadas e desmatados nas zonas accesibles. É un proceso lento e dificilmente se logran pradeiras de alta calidade nutritiva. Como medida complementar esíxense os cercados, para poder controlar o mato e dirixir os niveis de fertilidade cara onde mais interesa.

O proceso de mellora pódese acelerar mediante a incorporación de sementas na medida en que se incrementa a fertilidade do solo e se manteñan as rozas periódicas.

Conclusións:

As explotacións galegas poden incrementar a súa base territorial e por tanto a cantidade e calidade da produción forraxeira, recuperando terras abandonadas para pradeiras.

Os métodos para acadar este obxectivo son diversos e, ademais, poden combinarse. É preciso promover (RECLAMAR) desde abaixo, políticas que mobilicen as terras para estes usos para poder baixar os custos de produción e manter a actividade agro-gandeira.

Recuperando pouco a pouco as terras abandonadas, producir a custo razoable será mais doado. Diversos especialistas consideran que sería necesario recuperar en Galicia nos próximos anos arredor de 200.000 has. de terras a mato ou indebidamente forestadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información