O sector lácteo avanza cara un acordo para revalorizar o prezo do leite cobrado polos gandeiros, pero non hai aínda claridade nos compromisos que asumirán as partes. Industrias e distribución aseguraron hoxe en Madrid que asinarán o acordo proposto polo Ministerio para impulsar un “prezo sostible” para o gandeiro, pero queda por concretar en que consiste ese prezo sostible. O Sindicato Labrego e Unións Agrarias, presentes na reunión celebrada hoxe en Madrid entre as partes, piden que o acordo recolla a revalorización inmediata do leite, unha cuestión sobre a que industrias e distribución eludiron pronunciarse con claridade.
O sector industrial e as cadeas de distribución amosáronse a favor de asinar o acordo proposto polo Ministerio, se ben houbo industrias que non acudiron á reunión, polo que nos próximos días haberá que concretar se o compromiso é extendible ó conxunto das firmas. O punto clave por clarificar, con todo, será se hai acordo das empresas transformadoras e de supermercados para unha revalorización inmediata do prezo do leite. O Ministerio de Agricultura asegurou na reunión que ese compromiso existe, pero as organizacións agrarias queren velo por escrito.
“Pedímoslle ás industrias e á distribución que dixeran se se comprometen coa revalorización inmediata, pero non vimos claridade” (SLG)
“Pedímoslle varias veces ás industrias e a distribución que dixeran se se comprometían co fin dos contratos lixo ós gandeiros e coa revalorización inmediata do produto ó longo de toda a cadea, pero non vimos claridade nas súas respostas”, valora a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba. “Ese compromiso de revalorización inmediata debe aparecer no texto do acordo final que asinemos as partes”, advirte pola súa banda o secretario xeral de Unións Agrarias (UA), Roberto García.
O Ministerio recollerá nos próximos días as achegas das distintas partes presentes no encontro e proporá un documento para a súa sinatura por industrias, organizacións agrarias, cooperativas e cadeas de distribución.
Para as organizacións agrarias, é irrenunciable o compromiso de suba inmediata dos prezos no entorno dos 4 céntimos –segundo Unións Agrarias- a partir de inicios de outubro. “A distribución deberá mellorar os pagos que lle fai ás industrias, e estas a súa vez deberán aumentar o que lle pagan os gandeiros”, sinala Roberto García, que apunta a existencia dun compromiso da distribución co Ministerio para a revalorización do prezo do leite. “Precisamos tamén que se estableza un mecanismo de sancións que garantan que eses acordos se van cumprir. De nada valería que a distribución lle pagase máis á industria se a suba de 4 céntimos non chega ó gandeiro”, advirte García.
“Queremos un mecanismo de sancións. De nada valería que a distribución lle pague máis á industria se eses cartos non chegan ó gandeiro” (UA)
A postura das organizacións agrarias coincide nos puntos precisos para que haxa un acordo positivo para o sector produtor: “Agora mesmo, no documento falta un compromiso de revalorización inmediata do leite que se lle paga ó gandeiro, un calendario para esa revalorización e seguridade xurídica en que este acordo se vai cumprir”, resume Isabel Vilalba.
Perspectivas
Ante esta situación, nin Unións Agrarias nin o Sindicato Labrego dan por rematada a crise do leite nin as protestas. “De momento non hai acordo. Somos partidarios de seguir coas mobilizacións, veremos en que liña”, sinala Roberto García. De similar xeito se expresa Isabel Vilalba: “Non temos a seguridade dun acordo. Por tanto, hai que escoitar ós gandeiros nas asambleas que estes días estamos a ter e decidir en conxunto. Os pasos que demos deberían ser unha decisión o máis maioritaria posible do sector produtor”.
Postura das cooperativas
Cooperativas Agroalimentarias de España, entidade da que participa a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), emitiu unha nota de prensa na que se posiciona a favor do acordo presentado polo Ministerio sempre que haxa unha serie de concrecións. As cooperativas piden que se clarifique a formación do chamado “prezo sostible” e que se explique como se garantirá o cumprimento dos acordos por parte dos primeiros compradores intermediarios na compra venda de leite.
A próxima reunión das distintas partes co Ministerio non se espera para antes de 15 días. Será entón cando se confirme se haberá ou non acordo.
[Máis información] – Borrador da proposta de acordo presentada hoxe en Madrid polo Ministerio de Agricultura