90 solicitudes para o plan de emprego xuvenil “Prende! Bota raíces no rural” de Lugo

O responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, informou este martes de que preto de 90 mozos e mozas presentaron solicitude para acceder ás 60 prazas do plan “Prende! Bota Raíces no rural”, que o organismo provincial impulsa para crear emprego xuvenil e fixar poboación.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, a institución provincial comezou xa o proceso de revisión das solicitudes formuladas para verificar que cumpran os requisitos esixidos, logo do que unha comisión de valoraciónfará a selección dos mozos e mozas beneficiarias en dúas fases: a primeira de acordo aos datos da documentación aportada (antigüidade de inscrición no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, idade e formación); e a segunda, en base a unha entrevista persoal (actitude, idoneidade e motivación).

A mediados de febreiro está previsto que a Xunta de Goberno aprobe as listaxes definitivas de persoas admitidas, excluídas e de reserva, que se publicarán no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de anuncios da Deputación.

As persoas admitidas recibirán en marzo a formación en sectores estratéxicos da provincia, cun gran potencial de crecemento, como son os de enerxías renovables, xestión forestal, hostalería e turismo, e agricultura e gandería, ademais de en autoemprego. Co fin de evitar desprazamentos e gastos, as clases levaranse a cabo no lugar onde se concentre a maioría dos beneficiarios. Por cada xornada de formación de cinco horas, cada participante recibirá 13,45 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.

Pablo Rivera subliñou que “a día de hoxe hai un balance positivo pola acollida do programa Prende! Bota raíces no rural e estamos moi satisfeitos porque non nos equivocamos cando apostamos por eses sectores estratéxicos no rural e polo autoemprego”.

Por outra banda, os mozos e mozas que non resulten seleccionados disporán desde a Axencia de Colocación da Deputación dun acompañamento e seguimento especial para que teñan maior facilidadede incorporación ao mercado laboral.

Segunda fase: a experiencia laboral en empresas

Afinais de febreiro, a Deputación publicará as bases da convocatoria dirixida a empresas que desexen participar neste programa contratando aos mozos e mozas que superen o proceso formativo.

A institución provincial concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán cada firma será de 4.410€ por cada persoa contratada. Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes.

Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ben como autónomos ou ben baixo algunha figura xurídica de economía social, como son as cooperativas.

O plan “Prende! Bota Raíces no Rural” conta cun orzamento de case 300.000 euros, achegados nun 92% pola Unión Europea. Está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, apuntados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e empadroados nalgún dos 58 concellos lucenses que teñan menos de 5.000 habitantes, ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo. Trátase do 82% de toda a provincia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información