8 de Marzo: O Sindicato Labrego constata un empeoramento da igualdade no agro e no rural

8 de Marzo: O Sindicato Labrego constata un empeoramento da igualdade no agro e no rural

O Sindicato Labrego Galego (SLG) constata que “en cuestión de igualdade, a situación segue indo a peor no agro”. “Seguimos sendo ese factor invisible que sostén o mundo rural co noso traballo nas granxas, cos nosos coidados ás persoas maiores e á rapazada. Porén, a maioría de nós segue sen ver recoñecida esta contribución á hora de adquirir algún tipo de compensación ou dereito como a maioría das traballadoras”, advirten dende a Secretaría das Mulleres do sindicato.

En concreto, denuncian que:

-En Galicia xa se levan varios anos coa cifra de tan só 18 labregas que se deron de alta como cotitulares das explotacións nas que traballan, cando as estimacións apuntan a que deben ser unhas 35.000 as mulleres galegas que traballan na granxa familiar sendo unicamente o cónxuxe varón o titular da mesma.

-Como consecuencia directa desta invisibilización do traballo do meirande das labregas, apenas o 5% das que chegan a cotizar acadan unha pensión íntegra fronte ao 80% dos homes.

Nas cooperativas, segundo datos da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), sendo mulleres o 46% das persoas socias, a presenza feminina se reduce a un 16% nos consellos reitores e a un 6% nas presidencias.

-A nivel estatal, as mulleres cobran só o 27,5% das axudas directas da PAC ou o 26,35% das de desenvolvemento rural. Ademais, a contía das axudas da PAC son menores nas mulleres que nos homes. No caso galego, hai máis mulleres que cobren axudas que homes. Das 27.357 persoas beneficiarias, o 43,17% eran homes e o 56,82% mulleres; porén, a axuda media da PAC que cobran os homes na Galiza é de 9.736 €, mentres que a axuda media das mulleres redúcese a 4.106 €.

-“Isto é así porque as axudas da PAC non están deseñadas con perspectiva de xénero e non contemplan que a maioría das explotacións rexentadas por mulleres adoitan basearse en producións alternativas, normalmente menos dimensionadas, pero perfectamente viables, creadoras de riqueza e emprego no rural e produtoras de alimentos de calidade. Porén, Bruxelas déixaas fóra dos seus apoios públicos ao agro”, advirten dende o Sindicato Labrego.

-Ao pecharse servizos públicos esenciais no rural, como escolas ou centros médicos, cuxa ausencia sempre repercute negativamente na xornada laboral das mulleres por seren elas, decotío, as que asumen as tarefas familiares relacionadas coa saúde e os coidados da rapazada e das persoas maiores.

-A este respecto, dende o SLG denuncian que “en troques de mellorar o noso sistema sanitario reforzando e aumentando os centros médicos rurais en vez de pechalos, a Xunta saque da manga unha Lei de Saúde que o único que fai é restrinxir aínda máis os nosos dereitos fundamentais e liberdades, abondo recortados polo estado de alarma, e substituír os coidados pola represión e o medo”. Igualmente, critican que os proxectos presentados pola Xunta para os fondos Next Generation “non contemplan en ningún caso medidas para fomentar a igualdade para as mulleres no medio rural”.

Encontro anual da Secretaría das Mulleres do SLG o vindeiro mércores en Antas de Ulla

Ademais da folga deste 8 de marzo, a Secretaría das Mulleres do SLG organizou o seu XVI Encontro Anual para o mércores 10 de marzo na Casa da Terra (Antas de Ulla – achegamos programa). Nesta xuntanza, que desta vez terá un aforo reducido en respecto aos protocolos sanitarios da Covid, un dos temas de debate e análise será, precisamente, se as políticas públicas, incluída a PAC, coidan ou descoidan as mulleres labregas.

Maquetación 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información