A XV Feira Rural do Concello de San Sadurniño, que se celebra este sábado 31 de agosto, conta con 77 peticións de espazos expositivos e de venda, unha máis que o ano pasado. Na súa maioría diríxense a postos agroalimentarios e de artesanía, aínda que tamén haberá un número importante de puntos de venda de artigos de segunda man, ademais de representación dos viveiros de planta e horta da zona e unha firma dedicada á maquinaria.
Detallando por actividade, o Concello rexistrou 25 peticións de postos agroalimentarios, 6 de viveiros de planta e flor, 1 de maquinaria, 26 de artesanía, 8 de artesanía combinada con artigos de segunda man, 9 de puntos de venda de oportunidades e 2 correspondentes a entidades sen fins de lucro que acudirán ao evento para dar a coñecer as súas actividades.
O listado pode consultarse, ao igual que os horarios de entrada no recinto da Cortiña. No momento de acceder á feira, todos os postos inscritos deberán presentar o resgardo bancario do pagamento da taxa.
Os postos deberán ir entrando no recinto á hora que teñan asignada no listado de inscricións publicado, co obxectivo de que a montaxe sexa o máis áxil posible e de evitar aglomeracións de vehículos nos sendeiros, aos que xa non se poderá acceder para descargar material despois das 10:15 h.
A feira dispón dun programa ininterrompido que arrancará pouco despois das 10 da mañá e que se prolongará ata pasadas as 8 da tarde con numerosas actividades
Se se cumpren as previsións doutros anos, a feira estará completamente armada sobre as 10:30 horas e lista para recibir a habitual afluencia de público, máis elevada entre as 12 e as 14:00h aínda que cara a media tarde adoita volver repuntar, sobre todo nos intres previos á clausura.
A cita dispón dun programa ininterrompido que arrancará pouco despois das 10 da mañá e que se prolongará ata pasadas as 8 da tarde con visitas ao colmear didáctico e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos (con prácticas de poda e enxertado), obradoiros para a rapazada, descensos en kaiak polo Xubia, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de lotes de produto local, música ao vivo cos romances do Cego na Feira e os pasarrúas dos Campantes da Baña. E, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.
A feira disporá dun posto de comida, aínda que tamén convidan a asistir a algúns dos restaurantes do concello ou levar a merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrece o arboreto da Cortiña, o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).
Pago das tarifas do posto
A superficie máxima que poderán ocupar os postos -segundo o que solicitasen- serán 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 20 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas na ordenanza reguladora en tramos: 5 € ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo; 15 € de 6 a 15 metros por 6 metros de fondo e 25 € se o posto ten entre 16 e 20 metros liñais e 10 metros de fondo.