Un total de 73 candidaturas concorren á sétima edición dos Premios Galicia Alimentación que organiza o Clúster Alimentario de Galicia. Estes galardóns pretenden recoñecer e visibilizar as accións de emprendemento, dixitalización, innovación, sustentabilidade, mercadotecnia e internacionalización que teñan un gran impacto positivo na industria dos alimentos e as bebidas.
Por categorías, a máis demandada foi a de Produto Innovador con 33 candidaturas. Este premio recoñece a calidade diferenciada con produtos caracterizados pola súa innovación, o seu potencial comercial, o seu deseño, a súa posibilidade de agregar valor aos produtos galegos e en particular a adaptación ás demandas do consumidor, con especial atención á relación entre nutrición e saúde.
Séguenlle 28 candidaturas ao Proxecto Empresarial, que destaca aquelas iniciativas, institucións, organizacións ou empresas que se caracterizan pola súa innovación na organización, produción e/ou modelo de negocio. Recoñecen aquelas propostas que desenvolven produtos ou servizos innovadores no ámbito da cadea de valor dos alimentos e bebidas, incluíndo o desenvolvemento tecnolóxico cara á fábrica do futuro 4.0 e cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable; ou que sobresaen polo seu carácter emprendedor e cooperativo e a súa visión estratéxica.
Por último, na categoría de Estratexia de Mercado hai 12 candidaturas. Esta opción premia o esforzo de empresas e organizacións da industria de alimentación e bebidas para acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Valoran a innovación na estratexia de internacionalización, a evolución e dinamismo e o desenvolvemento do seu plan de mercadotecnia para o posicionamento en novos nichos e a orientación ao consumidor, adaptándose ás novas tendencias de consumo.
O día 16 de xuño reunirase o xurado para seleccionar aos gañadores deste ano que se darán a coñecer nunha gala en Santiago de Compostela o día 30 de xuño. Esta VII edición dos Premios Galicia Alimentación conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o patrocinio de ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski.
Gañadores 2020
Entre os gañadores do ano pasado están compañías como Bico de Xeado e Quescrem, na categoría produto innovador ex aequo pola súa gama de xeados artesáns e primeiro kéfir para untar do mercado, respectivamente.
Na categoría proxecto empresarial ou institucional resultou premiado Vegalsa Eroski, pola súa política de responsabilidade social empresarial e a súa aposta polo produto e provedor local, mentres que a aula de Produtos Lácteos recibiu o galardón extraordinario á proxección do sector dos alimentos e bebidas. Finalmente, Torre de Núñez foi recoñecida na categoría estratexia de mercado pola súa campaña de mercadotecnia Unha homenaxe aos nosos maiores.