A compañía Erimsa aposta pola innovación no sector gandeiro co lanzamento da novidosa liña de areas Q Bed, recomendadas polos veterinarios para utilizar como camas para vacas leiteiras criadas mediante o sistema de estabulación libre.
Q Bed é un material inorgánico que garante unha mellor salubridade e hixiene, impedindo a proliferación dos microorganismos e axentes patóxenos que causan infeccións. A baixa capacidade de absorción de auga da area silícea proporciona unha cama fresca e seca con elevada capacidade drenante, que incide no benestar das vacas e incrementa a súa produtividade.
Máis de 40.000 vacas de explotacións gandeiras empezaron a utilizar as areas Q Bed, baixo a recomendación dos expertos polas súas características beneficiosas.
A compañía, que dende o 2000 forma parte da líder do mercado de ferroaliaxes en Europa NorKvarts AS (Noruega), proporciona emprego directo a máis de 235 traballadores en 4 centros de produción en Galicia e Castela e León.
Cunha produción anual de 740.000 toneladas de cuarzo metalúrxico, áridos para a construción e areas, Erimsa é a segunda compañía con maior volume de exportacións a granel do Porto da Coruña e ocupa o segundo lugar en Galicia en canto a nivel de produción de áridos.
Noruega e Islandia son os dous mercados aos que exporta os seus produtos a través dos portos da Coruña e Avilés.