544 persoas beneficiáronse do programa de titoría de Medio Rural para facilitar a remuda xeracional no agro

ASESORAMENTO TÉCNICO CONSULTORÍA AXUDAS SOLICITUDEO programa de titoría desenvolvido pola Consellería do Medio Rural para fomentar e facilitar a remuda xeracional no agro galego beneficiou un total de 544 persoas solicitantes da axuda para a incorporación no ano 2024, que son atendidas e acompañadas no seu proceso de incorporación á actividade agraria por 48 titores, profesionais das oficinas rurais dependentes da Xunta.

Son datos dun informe avaliado este luns polo Consello do Goberno galego sobre esta iniciativa, que ten continuidade no ano 2025 mediante a realización de reunións, formación, actividades de demostración, visitas a explotacións, así como actividades de asesoramento en grupo especificamente dirixidas ás persoas que se incorporaron e recibiron axuda da Consellería na convocatoria de 2024.

A nivel provincial, organizáronse catro xornadas informativas, unha por provincia, en que participaron un total de 154 titorizados. A nivel comarcal, fixéronse 15 reunións, unha por comarca, coa participación de 258 titorizados.

Con respecto ás actividades de asesoramento en grupo, neste ano está programada a realización de 33 accións, parte delas feitas e outras que se están realizando, que se centran na nutrición sustentable dos solos agrarios e a xestión de xurros e estercos da explotación. Delas, ata o de agora realizáronse 20 nas provincias da Coruña e Lugo, ás cales asistiron un total de 88 persoas mozas e novas agricultores.

Programa e proceso de titoría

O programa de titoría para a incorporación á actividade agraria recolle as funcións do persoal titor, entre as cales se atopan as de apoiar na elaboración do plan empresarial, elaborar o itinerario formativo e visitar as explotacións.

O proceso de titoría iníciase no momento en que a persoa interesada solicita a axuda para o establecemento de persoas agricultoras mozas ou de persoas agricultoras novas e remata 36 meses logo da concesión da axuda. Articúlase en varias fases, que abranguen desde a solicitude de incorporación ata o informe final do programa de titoría, pasando polo estudo do plan empresarial e de investimentos e a elaboración do itinerario formativo, entre outras.

Banco de explotacións

A maiores, tal e como se recolle no informe avaliado este luns polo Consello, tamén se presta asesoramento para a incorporación á actividade agraria a través do Banco de explotacións, posto en marcha en febreiro deste ano. Así, o persoal técnico das oficinas rurais informa e asesora tanto as persoas interesadas na presentación de solicitudes para incluír unha explotación no Banco como tamén as que queren acceder a unha explotación das que se ofertan.

No que vai de ano recibíronse 11 solicitudes de inclusión de explotacións no Banco e sete propostas de persoas interesadas en xestionar unha
explotación do Banco.

De cara a 2026, prevese publicar no vindeiro mes de novembro as bases reguladoras das axudas para sucesión de explotacións agrarias, que contarán cun orzamento de 2,1 millóns de euros para o período de programación do Plan estratéxico da PAC, PEPAC (2023-2027). A persoa beneficiaria desta axuda será aquela que ceda a súa explotación por venda e/ou arrendamento. O importe da achega dependerá da dimensión económica da explotación e estará arredor dos 30.000 euros, repartidos nun período de cinco anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información