Un total de 52 viños Rías Baixas da anada 2024, que foi cualificada polo pleno do Consello Regulador como “Excelente”, foron catados na XXXVII Cata Concurso Rías Baixas Albariño, celebrada no Parador de Cambados. Desas 52 propostas presentadas o xoves á Cata Prima, un total de 12 pasaron á Cata Derradeira, celebrada este venres e na que se decidiron os tres gañadores, que se darán a coñecer este domingo 3 de agosto durante a comida Oficial do Capítulo Serenísimo.
Todos os catadores, que establecen as puntuacións dos viños segundo a normativa da Organización Internacional do Viño (OIV), compartiron a decisión do Pleno do Consello Regulador de cualificar a Anada 2024 como “Excelente”. “Hai moita calidade, son viños moi ben elaborados e estou de acordo con que son excelentes”, sinala Mara de Miguel, presentadora e comunicadora especializada en enoturismo e gastronomía procedente de Málaga. “Cando te atopas unha anada cualificada como excelente iso dá moito respecto”, quen destaca que “hoxe foi bastante duro, aínda que os viños que son bos de verdade dá igual que os puntúes máis alto ou máis baixo, eses viños van sempre saír”.
Un punto no que coincide Carlos Taboada, catador e formador especializado en viños (Madrid), que destaca que “a anada é excelente, os viños estaban todos moi completos e xa nos últimos doce notábase que había moita calidade. Había moi poucas diferenzas entre eles, foi cuestión de pequenos matices”.
E é que “a Anada 2024 ten moito equilibrio, con corazón de froita, con frescura, harmónicos…”, indica Alberto Ruffoni, xornalista de Logroño especializado en viños e gastronomía, que engade que “nos últimos doce notouse que filtramos moi ben os viños cun maior nivel de calidade. Houbo un nivel de calidade moi alto”.
“Hoxe atopamos máis redondez e complexidade, máis completo e mesmo con máis visión a futuro”, destaca Casilda Gurucharri, colaboradora de Ideas&Vino como asesora a clientes particulares e que traballou en distintas adegas e como catadora en restaurantes e tendas gourmet de Madrid. Ela móstrase totalmente convencida de que “estamos ante unha anada excelente. O mercado tamén o dirá, pero foi excelente en campo e en adega. E hoxe viuse aquí o resultado”.
Galego









Control OJD