5 gráficas para entender a produción de leite no mundo

A produción de leite de vaca incrementouse un 60% nos últimos 20 anos e a previsión é que a demanda mundial siga medrando até o 2040 debido ao maior consumo per cápita. Resumo do relatorio de Torsten Hemme, fundador e director do IFCN na última The Alltech Ideas Conference (ONE19), celebrada en Kentucky

O futuro do sector lácteo é prometedor nos próximos anos debido ao incremento da poboación mundial e ao aumento do consumo de produtos lácteos per cápita, con mercados en Asia e África que experimentarán un forte crecemento nos próximos anos. Paralelamente, prevese que os prezos para os produtores se manteñan á alza mentres dure a sintonía entre aumento da produción e aumento da demanda.

Estas foron algunhas das conclusións avanzadas por Torsten Hemme, fundador e director do IFCN -un centro de investigación con sede en Alemaña e que analiza a evolución da produción láctea en 120 países-,  na ONE19, a conferencia anual da multinacional norteamericana Alltech, que entre o 18 e o 22 do pasado mes de maio reuniu en Lexington, (Kentucky, Estados Unidos) a unhas 3.500 persoas de case 70 países.

Unha demanda que aumenta de forma sostida

IFCN-Dairy-1

IFCN-Dairy-2

A demanda de produtos lácteos incrementouse un 60% nos últimos 20 anos e desde o ano 2007 medra unha media do 3% anual.

“A orixe deste incremento da demanda de lácteos a nivel mundial está no aumento da poboación e no maior consumo de lácteos per cápita, aínda que con diferenzas moi importantes entre os 303 litros de leite por persoa -tanto en leite líquido como en derivados- da Unión Europea e os 34 litros de China”, destacou Torsten Hemme .

Precisamente as previsións de maior incremento do consumo de lácteos nos próximos anos é nos países asíaticos e en África.

Evolución dos prezos: Tendencia á alza a curto prazo

IFCN-Dairy-4

En canto á evolución dos prezos, o fundador e director do IFCN lembrou a enorme volatilidade dos últimos 20 anos, cunha media de 0.25 dólares por litro -ao 4% de graxa e 3,3% de proteína- no período 2000-2006, para dispararse aos 0.40 dólares de media entre 2007 e 2015 e volver baixar aos 0.35 dólares desde o 2017.

“A explicación desta volatilidade dos prezos é que a produción ten un retardo en responder e regularse aos signos de evolución de prezos que envía o mercado. Hai un retardo de entre 3 e 9 meses para baixar ou subir a produción e adecuarse aos altibaixos na demanda”, asegurou Torsten Hemme.

”O problema é que a produción tarda entre 3 e 9 meses en axustarse aos cambios de prezos do mercado”

En canto ás previsións de prezos do leite en orixe, o director do IFCN prognosticou que “estamos agora comezando un ciclo de alza de prezos, que precederá a unha baixada cíclica”.

Como se observa na seguinte gráfica do IFC os maiores aumentos da produción prodúcense en momentos de prezos altos e vicecersa, situándose o punto de estabilidade aconsellable para evitar estes dentes de serra nun incremento anual da produción de entre un 2 e un 3%.

IFCN-Dairy-7

En que países aumenta máis a produción de leite?

IFCN-Dairy-5

Nos útimos 20 anos a produción de leite aumentou un 60% a nivel mundial, até chegar aos 324 millóns de toneladas.

O líder deste crecemento e primeiro produtor mundial é India cun crecemento de 115 millóns de toneladas, e un crecemento de ao redor do 5% anual. Ademais de India, países como Brasil, China, Estados Unidos e a UE aumentaron a produción de leite. substancialmente. Contrariamente a isto, en países como Australia, Xapón e Rusia, a produción de leite está a diminuír.

Custos de produción segundo os países

IFCN-Dairy-6

En canto aos custos de produción, a situación é moi dispar, xa que ademais do custo de alimentación e do da man de obra, tamén depende dos subsidios do goberno ao sector ou da especialización en producir leite premium de maior valor engadido.

España situaríase na parte media, cuns custos de ao redor de 40 euros para producir 100 quilos de leite.

Variación do tamaño das granxas segundo o país

IFCN-Dairy-8

En canto á evolución das granxas por tamaño, a tendencia é a un progresivo aumento das granxas de maior tamaño e máis profesionalizadas, achegándose ao modelo de Estados Unidos ou de Nova Zelandia. “Aínda que non debemos desdeñar o potencial das pequenas granxas familiares, como vimos na India”, recoñeceu o director do IFCN.

Como mostra da importancia social da gandaría de vacún de leite, o director do IFCN lembrou que a produción de leite de vaca é o soporte económico e de benestar para uns 1.000 millóns de persoas. E é que os 120 millóns de granxas de vacún de leite que existen no mundo crean 71 millóns de postos de traballo. “A gandaría de leite é a industria perfecta para reducir a pobreza”, subliñou.

Principais retos para as gandarías

IFCN-Dairy-9

En canto aos principais retos dos gandeiros para os próximos anos, Thorsten Hemme destacou a necesidade de reducir os custos de produción, reducir tamén o impacto ambiental das gandarías, en concreto da súa pegada de carbono, e incrementar a produtividade por traballador. Así se reflicte na gráfica anterior, onde se comparan os datos deste tres parámetros en distintas granxas de vacún de leite.

E non menos importante, mellorar a imaxe do sector na sociedade. “As bebidas vexetais están a venderse como alternativa ao leite a prezos até tres veces maior, cando conteñen tres veces menos de compoñentes nutricionais. É un síntoma de que o sector lácteo necesita campañas intelixentes de mercadotecnia”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información