5 claves que a experiencia veterinaria pode aportar fronte ó Covid-19

O profesor da área de Sanidade Animal da Universidade de Santiago, Gonzalo Fernández Rodríguez, aborda as achegas que os veterinarios poden facer nas actuacións contra o coronavirus, en base á experiencia que teñen no tratamento de enfermidades infecciosas

5 claves que a experiencia veterinaria pode aportar fronte ó Covid-19

O papel dos profesionais veterinarios á hora de afrontar a pandemia do coronavirus pode converterse nunha peza clave dada a súa experiencia no tratamento de enfermidades infecciosas que tamén afectaron ás persoas e que tiveron orixe nos animais. Esa foi unha das conclusións que o profesor da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago (USC), Gonzalo Fernández Rodríguez, apuntou no relatorio virtual celebrado na mañá do venres e organizado pola agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC, BioReDes.

As achegas que a veterinaria pode ofrecer, dada a experiencia no tratamento de enfermidades infecciosas, abranguen dende os factores a ter en conta para coñecer mellor o Covid-19 ata medidas de vixilancia para avaliar a evolución e expansión do virus. O día a día de moitos veterinarios está marcado pola prevención dos contaxios, polo que contan cunha fonda preparación en medidas de bioseguridade que tamén resultan fundamentais.

1._ O coñecemento doutras infeccións orixinadas nos animais

“Cada 4 ou 5 anos estamos asistindo á aparición das chamadas enfermidades emerxentes, que ou ben son novas enfermidade ou brotes de patoloxías xa coñecidas”, evidencia Gonzalo Fernández. Así é que nos últimos anos detectáronse brotes e alertas sanitarias de enfermidades totalmente novas como o Schamllemberg, unha patoloxía que xurdiu por primeira vez no 2012, o PRRS dos anos 80, que afecta ó porcino; ou a coñecida popularmente como enfermidade das vacas tolas, que se detectou de novo en España no 2001.

“Temos que ir acostumándonos á aparición de novas enfermidades para xestionar tanto a sanidade animal como a saúde pública tendo isto en conta”

“Temos que ir acostumándonos a que van ir aparecendo novas enfermidades para xestionar, tanto a sanidade animal como a saúde pública, tendo isto en conta”, recomenda Fernández Rodríguez, que participa tamén no grupo de Investigación de Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da USC.

Ademais, o tipo de infeccións (zoonose) na que se inclúe o SARS-Cov-2 son enfermidades que se transmiten de animal a persoas, e logo o contaxio entre persoas posibilita a propagación da infección. Ese mesmo procedemento ségueno outras enfermidades que tiveron un alto impacto na sociedade como foi o VIH, do que se detectaron ata 13 contaxios derivados dos primates en 1930, ou o Ébola. Neste grupo tamén se inclúe a Influenza, a gripe, onde as aves exercen como portadoras da enfermidade.

Neste sentido cobra importancia o labor dos profesionais veterinarios á hora de exercer un control sobre a enfermidade, posto que o medio de contaxio inicial cos humanos son os animais. De feito, aínda que hai anos os veterinarios centrábanse nos animais de produción ou domésticos agora tamén comezan a ter controis sobre a fauna silvestre.

Fernández aposta pola coordinación dos equipos veterinarios sobre aquelas enfermidades que afecten ó ser humano

Fernández avoga polo coñecido como modelo One Health, que aposta por unha coordinación dos equipos veterinarios sobre aquelas enfermidades que afecten ó ser humano. Así, no caso da Influenza xa se estableceron zonas de risco, pola gran presenza de aves, nas que se fan vixilancias.

2._ O comportamento da infección na poboación.

Un dos aspectos fundamentais no control deste tipo de enfermidades infecciosas é coñecer as zonas e factores de risco que propicien o contaxio. “É moi necesario ter en conta todas as relacións que poden favorecer a propagación da enfermidade, tanto dende os animais ó ser humano, como entre animais a través de vectores, ou mesmo polas modificacións do medio ambiente.

“É moi necesario ter en conta todas as relacións que poden favorecer a propagación da enfermidade”

No Covid-19 foron factores de risco tanto a relación do ser humano co animal portador, o morcego, como a falta de control sanitario sobre esas especies que se comercializaron para alimentación.

Transmisión de distintos tipos de coronavirus a humanos e animais nos últimos anos.

Transmisión de distintos tipos de coronavirus a humanos e animais nos últimos anos.

Ademais da vía de contaxio, o investigador incide na importancia que teñen indicadores cos que en veterinaria están moi familiarizados como é o intervalo de serie, e que pasou bastante desapercibido, pese á importancia que pode ter. Este indicador amosa o período que transcorre entre que unha persoa presenta síntomas e a persoa á que contaxia desenvolve os síntomas.

No caso do Covid-19, o intervalo de serie está a resultar máis curto que o período de incubación da enfermidade, que ademais é un dos máis longos, só por detrás do Ébola. “Isto indícanos que a infección está a producirse nas fases anteriores a que aparezan os síntomas e isto determinará a efectividade de certas medidas de control que se tomen”, explica Fernández.

3._ A vixilancia dos contaxios

Á hora de atallar a enfermidade, a xestión dos colectivos é outro dos aspectos determinantes e que os veterinarios teñen moi presentes no seu día a día. A vixilancia que se fai da enfermidade pode ser pasiva: aquela que actúa só sobre os casos con síntomas; ou activa, na que se procura detectar a enfermidade antes de que aparezan, mediante o uso de probas de diagnóstico.

O persoal veterinario leva tempo facendo unha vixilancia activa de moitas enfermidades contaxiosas como pode ser a Tuberculose, a Brucelose, a Bronquite infecciosa aviar, a Peste Porcina clásica ou africana, entre outras. “Noutros tipos de coronavirus a vixilancia pasiva foi efectiva, pero non está funcionando co Covid-19, polo que precísase facer ben unha vixilancia activa”, explica o investigador.

Aínda que a vixilancia activa implica probas de diagnóstico, Fernández insiste na importancia de centralizar as probas naquelas persoas que estean en contacto con infectados, no canto de tentar facelas a toda a poboación, pola dificultade que isto podería supoñer. “O período de incubación longo que ten o Covid-19 pode supoñer unha vantaxe á hora de tentar controlar a súa incidencia, posto que nos permite ter tempo para rastrear e illar os contactos”, concreta o experto.

“Unha vixilancia activa permítenos coñecer como funciona a enfermidade e cales son as medidas máis efectivas”

Ó igual que cando se detecta un brote dunha enfermidade contaxiosas nunha granxa, o importante será cortar a transmisión cara a outras. O especialista detalla que esta vixilancia activa é máis efectiva sobre espazos de risco, que no caso das patoloxías veterinarias poden ser os mercados de gando, así como o contacto cos enfermos ou os grupos máis vulnerables. Fernández incide tamén que a vixilancia activa resulta máis efectiva tanto ó inicio da epidemia coma nas fases de desescalada, cando se volve tentar recuperar os ritmos habituais.

Diferenza entre a vixilancia activae a pasiva na detección de casos de vacas tolas.

Diferenza entre a vixilancia activa e a pasiva na detección de casos de vacas tolas.

“Unha vixilancia activa, se a empregamos ben, permítenos coñecer como funciona a enfermidade e cales son as medidas máis efectivas e importantes”, concreta. Esa vixilancia activa proporcionou información clave na toma de decisións á hora de atallar brotes contaxiosos en granxas. Nalgúns casos, pequenos cambios no manexo abondaron para reducir a incidencia en ganderías de ovino fronte a patoloxías que supuñan un importante risco. Fernández tamén recorda como grazas á vixilancia activa conseguiron averiguar que a causa dun repunte de casos de vacas tolas en granxas próximas a instalacións de porcino se debía a unha contaminación cruzada nas fábricas de pensos que as abastecían.

Ante a falta de vacina, a vixilancia activa tamén pode ser un aliado de maneira que permita illar os contaxiados e minimizar os riscos para a poboación. A experiencia en veterinaria recorda que algunhas das infeccións presentes nas granxas tamén carecen de vacina, mais iso non impide que se atallen antes de supor un problema inasumible na gandería.

4._ A bioseguridade: medidas con resultados

As medidas preventivas para evitar os contaxios son outro dos campos nos que os veterinarios teñen unha ampla bagaxe. “Se hai algún experto en bioseguridade en España son os veterinarios de aves e porcos”, reivindica Fernández. O experto bota man das investigacións realizadas para detectar mecanismos de contaxio e as zonas de maior risco doutras enfermidades infecciosas nas granxas, que poden terse en conta na loita contra o Covid-19. Así, os vestiarios é un dos puntos de maior risco, por iso é fundamental establecer zonas diferenciadas, ó igual que é necesario os cambios de vestimenta e calzado en distintas partes da granxa. Son procedementos que poden ofrecer información en cuanto ás medidas que adoptar en saúde pública.

“Se hai algún experto en bioseguridade en España son os veterinarios de aves e porcos”

Fernández tamén incide na importancia de revisar as medidas que se vaian tomando para comprobar a súa eficacia posto que durante anos a desinfección das rodas dos vehículos foi un dos aspectos que máis se coidou na bioseguridade das granxas. Porén, a carga viral das rodas era mínima, mentres que resultaba bastante máis importante a presenza de virus en zonas do vehículo como os asentos ou o salpicadeiro.

5._A experiencia europea para atallar infeccións en animais

Na toma de decisións internacionais, a experiencia na xestión veterinaria no control de enfermidades infecciosas en Europa pode servir tamén como modelo, tras comprobarse durante anos que ese tipo de controis están traendo resultados favorable. “Europa pode aprender do manexo que se fai destas cuestións en veterinaria á hora de afrontar a desescalada”, sinala o investigador.

“Europa pode aprender do manexo que se fai destas cuestións en veterinaria á hora de afrontar a desescalada”

Para Fernández as bases nas que se asenta o éxito no control de enfermidades infecciosas en Europa nos últimos anos está en tres piares: criterios sanitarios uniformes, normas de movementos comúns e obrigatoriedade de comunicar os contaxios e a incidencia do virus seguindo un protocolo único. “É moi diferente ó que estamos vendo co Covid-19, onde cada país está afrontando estratexias diferentes”, detalla o investigador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información