“As 4 últimas vacas campionas de Galicia veñen todas da mesma familia”

Falamos con Rey de Miñotelo e Carro SL, a dúas ganderías que se alzaron esta fin de semana en Muimenta co triunfo nas seccións de vacas e xovencas do XXX Concurso Autonómico FEFRIGA 2022

Gandería Rey de Miñotelo recibindo o galardón de Mellor Criador de Xovencas

Gandería Rey de Miñotelo, con tres dos seus animais, recibindo o galardón de Mellor Criador de Xovencas

Unha cuarta parte dos animais do Concurso Autonómico FEFRIGA 2022 xulgados este sábado en Muimenta procedían da mesma explotación, a gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, que aportou 31 dos 126 animais a concurso e fíxose con 17 galardóns, entre eles o de Vaca Gran Campiona de Galicia con Rey 814 Beemer Yuri.

Pero tamén se alzou co triunfo nas seccións de xatas de 5 a 7 meses, xatas de 11 a 13 meses, xovencas de 17 a 20 meses, xovencas de 21 a 26 meses, xovenca Campiona de Galicia, xovenca Subcampiona, vaca intermedia de 4 anos, vaca intermedia Campiona de Galicia, vaca adulta de 5 anos, vaca produción vitalicia, vaca adulta Campiona de Galicia, vaca Gran Campiona de Galicia, vaca Reserva Gran Campiona, mellor descendencia de vaca, mellor criador de vacas, mellor criador de xovencas e mellor manexador do Concurso.   

A gandería Rey de Miñotelo aportou 31 animais ao concurso e alzouse con 17 dos galardóns do certame

“É moi especial gañar na casa e máis cando é a primeira vez que o Concurso Autonómico se celebra aquí”, asegurou Alberto Iglesia nada máis alzarse co título principal do certame, o de Vaca Gran Campiona de Galicia, que a gandería da Pastoriza reedita por cuatro ano consecutivo con animais da mesma saga. 

“As catro últimas campionas de Galicia son todas da mesma familia, a da Cooper Yudi. Rey 814 Beemer Yuri é unha vaca que destaca, moi moderna, con moi boa ubre, moi ben unida e con moi boas patas”, presume Alberto, que ten 190 vacas en produción na súa explotación, ubicada na parroquia de Aguarda.

“Cando vemos que baixan de nivel para ir aos concursos entran ao establo a producir leite co resto de animais”

Membros de Gandería Carro celebrando a vitoria de Casa Nova Shania Mooving 1481 de Ganadería Carro Xata Campiona de Galicia 2022 e Xovenca Gran Campiona de Galicia Fefriga Moexmu 3

Membros de Gandería Carro celebrando a vitoria na sección Xovenca Gran Campiona de Galicia

Gandería Carro, de Mesía, gañou con Casa-Nova Shania Moovin 1481 o título de Xovenca Gran Campiona de Galicia. “É unha xata criada na casa que ten algo máis de 9 meses. É filla do último parto natural que tivo Casa-Nova Sonny MCC, e foi un parto xemelar, polo que ten unha irmá xemelga”, explica Miguel Rial, que é colaborador nos concursos desta gandería familiar ubicada na parroquia de Boado.

“Procede dunha familia moi destacada nos concursos. A súa nai, Casa-Nova Sonny MCC, foi a única xovenca que gañou dúas veces o campionato nacional, unha tía dela é a última Gran Campiona Nacional e unha irmá foi Xata Campiona Nacional. Parece que de momento continúa a saga”, di. 

Gandería Carro aportou 18 animais ao Concurso de Gando da Moexmu, que gañou no ano 2016

En Muimenta gandería Carro xa gañara noutra ocasión, no ano 2016, coa vaca Casa-Nova Vanesa Aikman. “Na granxa a xenética enfócase bastante cara ao tipo en determinados animais, aínda que sen descoidar o leite. Temos algunhas familias que se traballan para concursos morfolóxicos e outras que se traballan fijándose no mérito neto, é dicir, o índice de conversión. Traballamos para os concursos, pero o resto dos animais teñen que funcionar ben na granxa a nivel de produción e animais desta familia están no establo producindo como as outras”, di Miguel.

Na granxa temos algunhas familias que se traballan para ir aos concursos morfolóxicos, pero non dan menos leite por ser destas familias destacadas

A explotación ten neste momento 150 vacas en muxidura e a produción de leite é a base, pero “determinados animais destacados sepáranse e teñen unha dieta distinta para telos nunha boa forma para os concursos pero no momento que vemos que baixan de nivel e non sirven para concursar entran a competir ao establo co resto de animais da granxa cos mesmos resultados, non dan menos leite por ser destas familias”, asegura.

Gandería Carro foi a segunda explotación que máis animais aportou ao Concurso, por detrás de Rey de Miñotelo, e fíxose coa vitoria nas seccións de xatas de 8 a 10 meses, xata campiona de Galicia e vaca nova de 26 a 30 meses e co segundo posto noutras tres seccións: segundo mellor criador de Xovencas, vaca nova Subcampiona de Galicia e vaca intermedia Subcampiona de Galicia. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información