Só 4 consellos reguladores celebran eleccións o domingo, tras os pactos e listas únicas

As urnas decidirán a composición dos organismos que regulan as denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, así como a Agricultura Ecolóxica

Só 4 consellos reguladores celebran eleccións o domingo, tras os pactos e listas únicas

Os consellos reguladores renóvanse este mes.

Este domingo haberá eleccións nos consellos reguladores de Galicia, pero tras os pactos electorais acadados nos últimos días, só serán precisas as votacións en catro: no Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras e en Agricultura Ecolóxica. Os distintos vogais do resto das denominacións xa están proclamados, ben porque houbo listas únicas, ben por pactos antes das eleccións.

Tras os comicios do domingo, os plenos constituíntes de cada consello regulador deberán escoller no mes de xullo ós presidentes e vicepresidentes, para así rematar o proceso electoral.

Eleccións do domingo
A situación dos comicios desde domingo é a seguinte:

– En Rías Baixas, as eleccións do domingo afectarán ó censo do sector produtor de Rías Baixas e a unha parte do industrial, en concreto ás adegas con menos de 100.000 litros. Cooperativas e adegas de maior tamaño presentaron lista única.

– No Ribeiro, haberá eleccións no sector produtor, nos colleiteiros e nas adegas con menos de 400.000 litros.

– En Valdeorras, haberá eleccións do sector produtor e das adegas con menor uso de variedades preferentes.

– En canto ó Craega, só haberá que votar para escoller vogais no censo de industrias cunha facturación inferior a 50.000 euros.

Excepcións
Neste proceso electoral están incluídos todos os consellos reguladores agroalimentarios de Galicia, salvo catro excepcións: os das indicacións xeográficas protexidas (IXP) do Pemento de Oímbra e do de Mougán, porque son os de máis recente creación e aínda non teñen un número de inscritos suficiente.

Tampouco o consello regulador da IXP Lacón Gallego, que aínda debe adaptar a súa regulación á actual lexislación autonómica sobre a materia, nin o da IXP Ternera Gallega, porque acaba de reformularse nun novo que tamén xestionará a IXP Vaca e Boi de Galicia.

Pactos electorais
Para evitar comicios, houbo pactos electorais en Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras, Queixo de Tetilla, Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Castaña de Galicia, Grelos de Galicia e Agricultura Ecolóxica. Poden consultarse todos os vogais e os pactos electorais na web da Consellería.

Desde a Federación Rural Gallega, amosaron o seu descontento hoxe pola invalidación que sufriu a súa candidatura ó Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica. A Fruga considera que se trata dunha irregularidade, se ben o Craega xa viña advertindo de que non se aceptarían candidaturas de persoas que non comercializasen a súa produción co correspondente pago de taxas.

Listas únicas
Pódense consultar tamén na web da Consellería as listas únicas que xa foron proclamadas nos distintos consellos reguladores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información