A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este mediodía o CEIP Froebel da cidade do Lérez, beneficiario do programa da Xunta para distribución de leite e froita nos centros escolares de Galicia.
Neste acto, a conselleira salientou que a convocatoria destas axudas no curso 2024/25 acada un importe superior ao millón de euros, que permitirán subministrar froita fresca, castañas e leite a centros escolares de toda a comunidade autónoma. Este orzamento está financiado ao 100% con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).
En total, os centros participantes ao longo deste curso escolar no programa son 323 en toda Galicia e o número de alumnos beneficiarios roldará os 80.000. Na provincia de Pontevedra localízanse case a metade destes colexios (149 en total), cun importe económico que supera os 480.000 euros e tamén case a metade do total de alumnos participantes. Pontevedra é, polo tanto, a provincia máis beneficiada nesta edición con esta iniciativa, tal e como destacou a conselleira.
Esta iniciativa está coordinada polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural. Benefícianse destas achegas os centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio). En concreto, hai dous períodos de repartición autorizados, un que abrangue ata febreiro deste ano e outro que irá de marzo a xuño. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos.
O principal obxectivo desta medida, segundo remarcou María José Gómez nesta visita, é potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro.