318 produtores en ecolóxico de Galicia que quedaron sen axudas seguen á espera dunha solución por parte de Medio Rural

318 produtores en ecolóxico de Galicia que quedaron sen axudas seguen á espera dunha solución por parte de Medio Rural

Asemblea da plataforma celebrada en Lugo

Os 318 produtores e produtoras en ecolóxico de Galicia, a súa maior parte pequenas e medianas explotacións, que quedaron fóra da última convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural debido á insuficiente dotación de fondos, seguen á espera de que a Xunta lles dea unha solución.

O colectivo, organizado a través da Plataforma de Produtores de ecolóxico de Galicia (PROECOGAL), que celebrou a primeira asemblea aberta o pasado sábado, 21 de xaneiro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, lembra que “as persoas máis afectadas son as que fixeron a conversión a ecolóxico no ano 2022, xa que deixaron fóra ao 80% dos novos produtores que se incorporaron, e os que a recibiron ven diminuída a achega ata case o 50% nalgún caso”.

“É dicir, a consellería favorece o endebedamento de moitos produtores no seu primeiro ano de actividade en ecolóxico, o que vai lastrar a sustentabilidade económica destas explotacións, co que en lugar de favorecer o desenvolvemento rural favorecen o abandono da actividade ”, denuncian.

De momento, dende a Consellería do Medio Rural anunciaron máis dotación orzamentaria e cambios nos criterios das axudas á agricultura e gandería ecolóxica, que se están a debater no Consello Agrario Galego, pero para o próximo período da PAC 2023-2027. Até o de agora dende o departamento que dirixe José González non estableceron unha axuda extraordinaria compensatoria pola perda de axudas da convocatoria 2022 para estas 318 explotacións, tal e como reclaman dende as organizacións agrarias ou unha partida para ingresar íntegramente as axudas denegadas, como esixen dende a plataforma.

“Hai recursos materiais, o PP e o conselleiro teñen que mover as partidas, porque a perda económica das nosas explotacións é un golpe a todo o rural, aínda que nós sexamos os máis perxudicados, porque o país que non produce non ten futuro”, lamentan dende a Plataforma de Produtores de ecolóxico de Galicia.

Os afectados seguen á espera dunha xuntanza co conselleiro do Medio Rural e/ou co presidente da Xunta de Galicia, unha reunión que solicitaron formalmente. Mentres tanto, seguen a realizar unha recollida de sinaturas por diferentes comarcas e vilas do país, así como recabando o apoio de diferentes sectores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información