A zona produtora da comarca da Limia sométese a un proxecto para a modernización do sistema dos regadíos, de cara a mellorar a xestión dos recursos hídricos da zona. Esta obra conta cun orzamento de 29.749.997,74 euros, que proveñen do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e un prazo de execución de 24 meses.
Esta iniciativa de mellora favorecerá o aproveitamento das 42 captacións de augas subterráneas e beneficia a 1.822 regadores que cultivan 2.576 hectáreas nos municipios de Xinzo de Limia, Trasmiras, Sarreaus e Porqueira, na provincia de Ourense.
O obxectivo da actuación, que ten un prazo de execución de 24 meses, é substituír os actuais sistemas de rega con motobombas diésel e tubaxes de aluminio superficiais, por modernas redes de rega presurizadas alimentadas por captacións de augas subterráneas e con telecontrol.
As novas infraestruturas estarán dotadas con estacións de bombeo e filtrado, hidrantes, instalacións solares fotovoltaicas e elementos de regulación e almacenamento, de tal forma que o agricultor dispoña dunha toma de auga a presión próxima á súa parcela e integrada nun sistema de automatización e telecontrol.
A instalación de tubaxes enterradas permitirá mellorar a eficiencia no transporte da auga bombeada desde as captacións ata as parcelas, o que se traducirá nun aforro de até o 20 % dos recursos hídricos.