Medio Rural destina 25 millóns ó convenio cos Concellos para rozas de prevención de lumes

Un total de 271 Concellos xa se adheriron ó convenio de xestión, que conclúe o seu prazo de adhesión o 21 de marzo

Medio Rural destina 25 millóns ó convenio cos Concellos para rozas de prevención de lumes

A Consellería de Medio Rural consignou este ano 25 millóns de euros para apoiar a propietarios e concellos a través do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado con Seaga. A cantidade orzamentada este ano dobra así á do ano pasado.

Desde a Consellería lembran que manter limpas as faixas secundarias, arredor dos núcleos de poboación e vivendas, é responsabilidade dos propietarios en primeira instancia e, se estes non cumpren coas súas obrigas, os responsables son os Concellos, que deberán facelo de xeito subsidiario, repercutindo os custos nos propietarios.

Neste senso, resaltou que, a través deste convenio, axúdase ás administracións locais coa realización de execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por Concello e ano, fóra das parroquias priorizadas (polo risco de lumes), e coa limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. No caso dos propietarios forestais, aqueles que se atopen nunha parroquia priorizada, poden contratar directamente a limpeza a Seaga.

A Consellería anima a todos os concellos que aínda non se adheriron ao convenio a facelo e destacou que 271 municipios xa o solicitaron.

Convenios de xestión de biomasa cos Concellos
A comisión de seguimento do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga, pon en valor que a día de hoxe son xa 271 os concellos galegos que solicitaron a súa adhesión a este acordo, é dicir, preto do 87 % do total.

O encontro de traballo tivo lugar tras as diferentes reunións celebradas a semana pasada entre representantes da Xunta e alcaldes, co fin de informalos das vantaxes e novidades desta adhesión e animalos a formalizala, unha posibilidade que está aberta en todo momento, malia que se aconsella aos municipios que se incorporen antes do vindeiro día 21 deste mes de marzo para poder planificar as actuacións. Así mesmo, nas devanditas xuntanzas tamén se lles lembrou que o 31 de marzo, como moi tarde, deben remitir á Xunta o plan de traballo coas actuacións solicitadas nos seus territorios.

No novo convenio increméntase o orzamento ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns por anualidade. Ademais, refórzase o apoio a concellos, especialmente a aqueles de menos de 10.000 habitantes, e a particulares. A maiores, vaise promover tamén a realización, de xeito áxil, das execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas.

Nesta mesma liña, e co fin de fortalecer este convenio, incrementarase o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276. As priorizadas son aquelas parroquias nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga directamente para as rozas por un importe de 420 euros por hectárea.

A maiores, cómpre lembrar que se continúa a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano -fóra desas parroquias catalogadas como priorizadas- e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se ampliará o subministro de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas desas parcelas.

Por último, a comezos deste ano iniciouse o proceso de contratación dos primeiros lotes de traballo ao abeiro deste novo convenio. Trátase de 12 lotes por un importe de 6 millóns de euros, IVE incluído, que permiten actuar, no conxunto de Galicia, en preto de 1.900 hectáreas, chegando a máis de 37.000 parcelas, naqueles concellos que se sumen ao acordo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información