A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe no acto de clausura da VI Escola de iniciación de futuros gandeiros, así como na entrega de mencións e distincións ás mellores explotacións de 2024, nun evento organizado pola Federación Frisona Galega (Fefriga) e o Club de Xóvenes Gandeiros en Lalín. Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor a aposta do Goberno galego pola remuda xeracional no agro.
Ao acto asistiron 26 mozos e mozas, de entre 8 e 19 anos, que participaron nesta escola. A titular de Medio Rural destacou o interese destes rapaces polo mundo gandeiro e subliñou que se trata dun sector con moito potencial de futuro. Gómez destacou que o Goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural, impulsa diversas ferramentas para favorecer a remuda xeracional no campo. Entre estas medidas salientan as axudas para a incorporación de mozos ao sector agrario e os plans de mellora das explotacións. Fixo referencia tamén aos seis Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) dependentes da Consellería, nos que se ofrece formación regrada da rama agraria.
Ademais, está en funcionamento o Banco de explotacións, unha iniciativa que facilita o contacto entre propietarios que deixan a actividade profesional e persoas interesados en asumir a xestión desas explotacións. Esta ferramenta representa unha excelente oportunidade para a mocidade, tanto para quen quere iniciarse como para profesionais en activo. O banco virá acompañado dunha liña de axudas dotada con 2,1 millóns de euros para o período 2025-2029, co obxectivo de fomentar a cesión e continuidade das explotacións agrícolas e gandeiras.

Galego








Control OJD