251 ganderías reciben axudas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para  a recría de xatas de raza Rubia Galega

A área  de Rural distribuirá 192.000 euros ás ganderías beneficiarias do programa Marela!,  a maioría nas comarcas de Sarria, Os Ancares, Fonsagrada e Lugo

Daniel García na presentación do programa. Foto: Arquivo.

Daniel García na presentación do programa. Foto: Arquivo.

251 ganderías da provincia de Lugo recibirán as axudas do programa  Marela!  da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo,  enfocado en dar apoio á recría de xatas de raza Rubia Galega na granxa de nacemento.

A maioría das granxas beneficiarias destas achegas, que oscilan entre os 400 e os 2.400 euros, concéntranse nas comarcas de Sarria -especialmente nos concellos de Láncara, Paradela e Triacastela –, dos Ancares -especialmente nos concellos de Baralla, Cervantes, Pedrafita e Becerreá – ,  de Lugo – especialmente nos concellos de O Corgo, Friol e Castroverde – e Fonsagrada – nos concellos de Fonsagrada e Baleira – .

As achegas vincúlanse ás femias reprodutoras, cun importe de 400 euros por cada becerra que tivera un parto antes dos dous anos e medio (30 meses), ata un máximo de 6 animais por granxa, e suman un importe total de 192.000 euros, atendéndose todas as solicitudes que cumpriron cos requisitos establecidos nas bases.

O deputado  Daniel García valorou “o programa que lanzamos por primeira vez desde a área de Rural para contribuír á promoción da raza Rubia Galega, cunha convocatoria anual coa que procuramos axilizar os tramites de solicitude e pagamento e á que daremos continuidade tamén este ano, para apoiar o traballo de recría de gandeiras e gandeiros,  que manteñen un patrimonio xenético e un sistema de manexo e de alimentación tradicionais”.

Neste sentido, subliñou que “o mantemento desta riqueza gandeira é imprescindible para o desenvolvemento sustentable das áreas rurais e para a fixación de poboación no medio rural, producindo alimentos de calidade”.

A resolución definitiva e completa pode consultarse na web da Deputacíon de Lugo. O programa  Marela! dá continuidade á liña plurianual xestionada pola área de Rural entre 2019 e 2023, simplificando o procedemento administrativo e axilizando o trámite e o pago de xeito individualizado a cada gandería beneficiaria.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información