Ano decisivo para o biogás vencellado á gandería en Galicia: que modelo se quere?

No sector gandeiro galego está xa aberto o debate sobre as plantas de biogás orientadas ó xurros de explotacións gandeiras. Xa hai proxectos en funcionamento, en tramitación previa á apertura e en fase de negociación e estudo. Todos os actores indican que os vindeiros meses definirán o modelo que se acabe implantando no territorio galego

BIOGAS ITALIA

O 69% do biometano e o biogás que se produce en Europa procede xa de explotacións agrogandeiras, máis de 15.000 millóns de metros cúbicos anuais. En Alemania supéranse xa as 10.000 plantas de biogás e biometano co-propiedade de granxas e en Italia supoñen o 33% dos ingresos para máis de 2.200 explotacións.

En España e en Galicia son aínda proxectos emerxentes e minoritarios, pero a súa capacidade produtiva e as directrices do Pacto Verde Europeo apuntan a que irán en aumento nos vindeiros anos. A cuestión será ver ata que punto as ganderías teñen capacidade de desenvolver proxectos propios ou colectivos. Ou ver se estes proxectos quedarán en mans de empresas externas.

Os problemas de subministro enerxético derivados das guerras en Ucrania e Irán acentuaron aínda máis o debate sobre o aproveitamento que se pode facer dunha enerxía renovable, o biogás, que en Galicia conta con suficiente abastecemento. Falamos con axentes do sector e coñecemos a situación actual do biogás galego.

Modelos de produción e xestión

Leticia Regueiro é enxeñeira química e directora de Sustentabilidade e Economía Circular da consultora lucense Medrar Smart Solutions. Medrar leva tempo participando en foros formativos e informativos nos que se explican os condicionantes técnicos, legais e económicos que afectan ás plantas de biogás. Unha das cuestións que subliñan en Medrar é que estas plantas son modelos moi eficientes pero que non serven para todas as explotacións e todos os territorios.

E tamén que poden supoñer unha importante fonte de ingresos e de redución de custos en base á enerxía renovable, con procedementos sustentables para o medio ambiente. Tanto para os gandeiros como para as empresas agroalimentarias, que nos últimos anos están sendo pioneiras neste tipo de instalacións, caso da queixería Bama (Touro) ou Cogal, en Rodeiro.

“As principais vantaxes están nos aspectos medioambientais. Unha das máis importantes consiste en que a xestión dos xurros por vía dixestión anaerobia permite tanto eliminar emisións difusas e malos cheiros como aportar un fertilizante de alta calidade e moi controlado nos solos.”, di Regueiro.

A dixestión anaerobia que realizan as instalacións elimina cheiros e emisións de gases e xenera un fertilizante de alta calidade (Leticia Regueiro, Medrar Smart Solutions)

Dende o punto de vista económico, temos que -ben sexan proxectos individuais, ben de agrupacións de granxas- os gandeiros obteñen unha fórmula de autoconsumo enerxético que pode ir para liñas de calefacción e para electricidade. Por exemplo, os que teñan unha queixería ou un cebadeiro de polos, xa terían aí unha liña de calor.

“Tamén son interesantes as fórmulas que se poden desenvolver en proxectos colectivos de proximidade, que non teñan suficiente capacidade produtiva para abastecer todas as granxas. Nese caso, pode quedar unha delas coa produción enerxética para o seu consumo e o resto obter outros beneficios, como pode ser a venda de excedentes”.

Leticia Regueiro (dereita) participou en actos informativos sobre biogás en concellos gandeiros como Ordes, Castro de Rei ou Coristanco

Leticia Regueiro (dereita) participou en actos informativos sobre biogás en concellos gandeiros como Ordes, Castro de Rei ou Coristanco

Sen esquecer que, en función da localización, haxa a posibilidade de producir biometano (biogás purificado), que ten unha alta demanda e un prezo bastante atractivo para o produtor, pois pode inxectarse en redes de gas natural. “En resumo, temos unha posibilidade de, como mínimo, aforrar custes nas granxas. E, cantas máis fontes de ingresos teñan as explotacións, maior será a súa resiliencia.”

Porque, ao producir enerxía e obter un fertilizante de alto nivel, hai unha redución de custes de produción. E, en momentos como o actual en que hai unha baixada dos prezos do leite en orixe, créase un colchón de ingresos a través da produción do biogás. Algo que se ten constatado en Italia, Francia ou Alemania.

É innegable que, como mínimo, as plantas de biogás e biometano supoñen un aforro nos custes enerxéticos das explotacións

Rigueiro amósase sorprendida polo feito de que se estendera a idea de que os xurros que van para as plantas xa non van se van empregar como fertilizantes ou, de empregarse, serían contaminantes para os solos.

“Eso non ten ningunha base científica. Outra cousa é se falamos de macroplantas que meten ata 200.000 toneladas de residuos e que empregan lodos ou outras sustancias diferentes dos xurros. Esoutras sustancias si poderían ter efectos negativos. Pero as plantas pequenas e medianas con xurros e restos vexetais non teñen efectos contaminantes e xeran fertilizantes moi eficaces.”

“Unha cousa son as macroplantas e outra distinta plantas pequenas, para unha granxa ou grupo de granxas, que só vaian empregar xurros e restos vexetais”

Regulación, mercados e experiencias europeas

“O principal problema que atopamos é a falta dunha regulación e unha lexislación claras. E moitas dúbidas contables. Por exemplo, se produces máis enerxía da que precisas e tes que vertela na rede, recibes por ela un prezo ridículo comparado co que se paga no resto da UE.”

Por exemplo, os gandeiros españois recibirían 5 céntimos por kilowatio/hora, mentres que os italianos cóbrana a 23 céntimos. Por iso, é habitual que en Italia se opte por verter na rede toda a produción enerxética, porque cobran máis por ela que o que lles custa mercala da propia rede. Están pagando entre 11 e 15 céntimos e recibindo 23, de xeito que a ganancia mínima é de 8 céntimos. Iso en España é impensable a día de hoxe, unha circunstancia que xera dúbidas nas granxas.

A día de hoxe, os prezos que recibirían os gandeiros por verter a enerxía das plantas na rede non é atractivo. Pero eso pode cambiar

Outra diferencia fundamental entre España e boa parte do resto da UE está no plantexamento estratéxico. “Noutros estados hai unha estratexia enerxética clara e as administracións públicas, sobre todo as estatais, toman parte nas decisións sobre o biogás (prezos, potencias, pregos técnicos…). Por contra, en España quen queira producir só trata coas distribuidoras de enerxía e ten que aceptar as súas condicións”, valora Regueiro.

Con todo, Regueiro sinala que as condicións do mercado da electricidade poden verse alteradas. O contexto internacional, o posible peche de centrais nucleares, o aumento da demanda mundial…hai múltiples factores que poden facer cambiar a actual penalización na venda que sofren as plantas de biogás en España.

Numerosas explotacións italianas, como La Cigolina, compensan co biogás as baixadas da carne e o leite

Numerosas explotacións italianas, como La Cigolina, compensan co biogás as baixadas da carne e o leite

“E sen esquecer que non ten sentido que algo que ten un beneficio ambiental para toda a sociedade estea penalizado con prezos tan baixos. Prodúcese unha enerxía renovable e non contaminante e obtense unha fertilización óptima dos solos. Todo iso cadra cos principios da Axenda Verde Europea”.

A representante de Medrar cre que comarcas de alta concentración gandeira -como a Terra Chá ou Xallas no caso do vacún de leite ou o Deza e a Limia no porcino intensivo- serían as máis acaidas para a ubicación de plantas vencelladas a granxas. Tanto en proxectos individuais como colectivos.

“Nesas zonas hai volumes suficientes para establecer modelos de biogás semellantes aos do norte de Italia. Tamén serían de moito interese en ganderías lácteas de vacún que estean a desenvolver proxectos de elaboración, como queixerías ou xeaderías. Porque suporían un aforro de custes moi importante.”

Os aportes vexetais a maiores do xurro non poden proceder de cultivos, xa que os gandeiros galegos precisan de toda a súa terra para producir forraxes

Regueiro establece outra diferencia con modelos europeos. “Noutras zonas da UE é habitual que se destine algunha parcela para cultivar cereais ou outras forraxes que complementen o xurro, para que se produza a reacción química que precisan as plantas de biogás. Iso aquí non é nin viable nin recomendable porque o gandeiro galego precisa de todo o terreo para alimentar o gando. Tería que facerse con biomasa forestal ou restos de rozas“.

Escenario actual en Galicia: un rebumbio de proxectos

Actualmente hai en marcha diferentes proxectos de plantas en Galicia. Máis aló dos oito existentes e os oito en tramitación, en numerosos concellos apareceron axentes comerciais coa intención de asentar instalacións neles. E a maioría representando a entidades con domicilio social en Madrid.

Nese sentido, a especialista de Medrar sinala que os proxectos de biogás en Galicia deben dirixirse dende Galicia. “Os que están fóra non coñecen a idiosincrasia galega, non negocian nos mesmos códigos que o gandeiro. É o importante é que os proxectos se controlen dende aquí, para que respecten o medio ambiente e beneficien os gandeiros. Non vemos interesante un lobby gasístico”.

Un aspecto fundamental ten que ver coas deficiencias enerxéticas europeas que quedaron de manifesto primeiro coa guerra en Ucrania e despois co conflicto en Irán. Reducir a dependencia de terceiros é un obxectivo fixado polos estados membros da UE.

É esencial que os proxectos de biogás estean dirixidos e controlados dende Galicia para que poidan beneficiar á sociedade galega

“As ganderías non poden ser concibidas como centrais eléctricas. A súa función é producir alimentos. Pero non esquezamos que dunha tonelada de xurro extráense ata 43 m³ de biometano. Cantas toneladas de xurro se xeneran diariamente en Europa e canto metano e biogás poderían obterse delas?. Parece pouco probable que a UE vaia renunciar a esa fonte de enerxía renovable. Non é descabelado pensar que se prime a produción ou mesmo que acabe sendo obrigatoria”, valora Regueiro.

A dificultade de conexión ás redes gasísticas pode frear a implantación de instalacións en Galicia

A dificultade de conexión ás redes gasísticas pode frear a implantación de instalacións en Galicia

No caso galego, dende Medrar lembran as limitacións da rede gasística. “As plantas teñen que ter unha conexión áxil coa rede. E eso tamén condicionará que se opte pola produción de biogás ou de biometano. En todo caso, a axenda europea apunta a que se darán todas as facilidades para axilizar as conexións”.

Visións dende o sector gandeiro e a sociedade

Javier Iglesias, responsable provincial de Unións Agrarias (UUAA) en Pontevedra, sinala que non perciben unha especial preocupación entre os gandeiros polas plantas de biogás. “Á maioría é algo que nin lle vai vai nin lle vén. Non as necesitan e tampouco teñen infraestrutura para crealas. Probablemente se opuxeran por inercia no caso de que se plantexe crear macroplantas no seu concello.”

“Pero logo hai un grupo máis reducido que si está seguindo con interese o asunto. Fundamentalmente son produtores avícolas e de porcino. E tamén algúns de vacún de leite que non teñen suficiente superficie para xestionar os seus xurros. Eses gandeiros si que verían con bos ollos a creación de estacións de biometano ou biogás, tanto como fonte de ingresos como solución ao seu problema cos xurros”.

Non hai que pensar só na produción de enerxía, as plantas tamén axudarían a solventar o problema da xestión de xurros (Javier Iglesias, Unións Agrarias)

Dende UUAA cren que na opinión pública hai unha posición contraria a este tipo de instalacións e cren que é precisa máis información para poder ter elementos de xuízo. “Nós vémolas como unha solución, non en toda Galicia, pero si en determinadas comarcas. Sería un dos recursos, non o único, para solventar o exceso de xurros en determinadas granxas”.

“E non podemos dar as costas a unha cuestión como o balance enerxético. Especialmente no actual contexto internacional onde a enerxía está no foco de conflictos bélicos. Como comunidade autónoma, temos que valorar esta opción do biogás e o biometano. Sempre respectando a lei, o medio ambiente e o sentido común, e evitando molestias. Pero non se deben rexeitar por principio”, opina Iglesias.

UUAA lembra que a principal misión dos xurros é a de fertilizar os solos, se ben pode haber aproveitamentos previos

UUAA lembra que a principal misión dos xurros é a de fertilizar os solos, se ben pode haber aproveitamentos previos

Un dos puntos febles, sinala Iglesias, está na lexislación. “Hai un marco legal demasiado xeneralista. Non entra en especificidades e non está adaptada a cada territorio. Habería que ter en conta aspectos como a dispersión poboacional, o tipo de solos, as infraestruturas gasísticas e eléctricas…”

A aposta ten que ser por plantas pequenas, próximas ás explotacións e que cumpran todos os requisitos legais e medioambientais

O que teñen claro en UUAA é que boa parte da mala imaxe sobre o biogás pode derivarse de que se asocie co emprego de lodos procedentes de depuradoras industriais e urbanas. “É lóxico o rexeitamento nese caso. Porque os lodos de depuradora conteñen sustancias que contaminan os solos, polo que non deben usarse como fertilizantes. E xa houbo experiencias así en Galicia.”

“Temos milleiros de toneladas de restos de talas e de poda de viñedo. Son materiais aptos para as plantas de biogás, sen recurrir a lodos de depuradora” (Javier Iglesias)

“Sábese que os xurros non abondan para que as plantas funcionen e precísase unha aportación. Esa aportación non pode proceder dos lodos. En Galicia temos milleiros de toneladas de restos de talas e podas forestais, ou de restos de poda de viñedos. Mesmo de silos que se derraman ou de limpezas de parques e xardíns. Con eso ten que ser suficiente.”

Formación, información e debate

A organización agraria considera que sería necesaria unha mesa de debate onde todos os sectores vencellados coas plantas de biogás poidan compartir información e elaborar propostas adaptadas a Galicia. “Polo de agora non houbo ningunha iniciativa nese sentido. Tan só mantivemos xuntanzas informais con empresas para informarnos e para informalas.”

Iglesias rexeita o proxecto da Xunta do 2022 de crear unha rede de 19 grandes plantas. Porque, asegura, comportaría un uso e un transporte de auga excesivos, así como un desprazamento por estrada de cantidades inxentes de xurros, coa conseguinte pegada medioambiental e cheiros ao paso dos camións.

“A aposta debe ser plantas de tamaño pequeno ou medio e sempre o máis próximas posible a onde se xeneran os xurros e os outros elementos vexetais necesarios para a produción de biogás. E temos constancia de empresas que si están nesa liña e teñen unha visión para Galicia”, sinala Iglesias.

“O gandeiro galego debe ser o protagonista das plantas de biogás” (Javier Iglesias)

O membro de UU.AA coincide con Regueiro na necesidade de evitar que as futuras plantas non estean controladas dende Galicia. “Estamos convencidos de que antes ou despois se van facer. Vimos cos parques eólicos que os beneficios non quedan aquí. Esa experiencia debe servir para que teñamos claro que o principal protagonista das plantas de biogás en Galicia ten que ser o gandeiro galego.”

Calquera aproveitamento enerxético dos xurros debe ter os gandeiros galegos como protagonistas, sinalan dende UUAA

Calquera aproveitamento enerxético dos xurros debe ter os gandeiros galegos como protagonistas, sinalan dende UUAA

Outro aspecto que queren destacar é que nunca se debe perder de vista que o obxectivo dos xurros é fertilizar os solos para a produción de colleitas. Se, a maiores, se pode obter un beneficio económico e axudar a solventar problemas de xestión de xurros hai que aproveitar a ocasión.

Como país, Galicia non pode ser allea á cuestión do balance enerxético e á necesidade de non depender de terceiros

“En Galicia temos 1.200.000 prazas de porcino, un millón de vacas e un número moi elevado de polos de engorde e galiñas poñedoras. Pero no que vai de século perdemos 100.000 hectáreas de superficie agraria. Esa superficie reducida e atomizada leva a buscar diferentes solucións para uns xurros que seguen medrando. O biogás é unha delas.”

Iglesias conclúe que os dixestatos que saen das instalacións de biogás son de alto valor fertilizante e non teñen os problemas de transporte que si ten o xurro sen tratar. Por eso, entende que a maiores do biogás habería que buscar outras fórmulas de valorización do xurro e o esterco, máis aló da produción enerxética, nas comarcas onde o biogás non sexa viable.

Movementos veciñais de oposición ás plantas

Máis aló da planta que se instalou nunha gandería de Xustás (Cospeito) no ano 2010 por iniciativa de Norvento e doutras similares impulsadas polas deputacións provinciais, non hai actualmente en funcionamento proxectos directamente vencellados con explotacións gandeiras. Casa Grande de Xanceda si que ten en trámite un proxecto propio que foi declarado de interese autonómico pola Xunta de Galicia.

Existen, iso si, plantas dentro das instalacións ou vencelladas a industrias de alimentación que funcionan con residuos orgánicos, xeralmente construidas en colaboración con empresas enerxéticas. É o caso da de Queizuar (Touro), a de Cogal (Rodeiro) ou a de Coren (Ourense). Nun plano diferente estaría a de Ecogalia (Porriño), que emprega residuos procedentes da industria alimentaria, como matadoiros, conserveiras ou lácteas.

Agás a de Casa Grande de Xanceda, o resto de plantas proxectadas con xurros corresponden a empresas enerxéticas

Outras instalacións empregan residuos moi diferentes dos que proceden tanto da gandería e a agricultura como da industria agroalimentaria. Soen utilizar lodos de depuradoras urbanas, augas residuais ou residuos industriais.

E compre lembrar que as dúas plantas que estaban proxectadas no concello de Lugo acabaron por non levarse adiante por diferentes motivos. A prevista para a parroquia de Coeses non obtivo a autorización da Xunta logo das protestas veciñais. E a que se planeaba para o Polígono do Ceao foi retirada logo de que o grupo Lence decidira non seguir dando o seu apoio.

A de Queizuar é unha das primeiras plantas galegas vencelladas á empresas agroalimentarias

A de Queizuar é unha das primeiras plantas galegas vencelladas a empresas agroalimentarias

A última información dende a Consellería de Medio Ambiente sinala que hai oito plantas en trámite e un número indeterminado de solicitudes. O que se sabe é que se trata de iniciativas que parten de empresas enerxéticas e non de explotacións gandeiras ou grupos de granxas.

Estes proxectos provocaron o nacemento de diferentes plataformas veciñais e mesmo asociacións que se opoñen a que se instalen nos seus concellos. Stop Gandería Industrial, Berce do Ulla, Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde, ADEGA, SLG, Elas Eles, Plataforma Ulloa Viva e a Asociación A Grela, Stop Biometano Agolada…foron algúns dos colectivos creados ou que participaron nos actos informativos e de rexeitamento.

En todos os concellos onde se proxectan plantas xurdiron colectivos de oposición veciñal

Algunhas das parroquias e localidades onde máis movemento veciñal houbo foron as de Soandres (A Laracha), Amance (Agolada), Abadín, Curtis, Mazaricos, Vila de Cruces, Alperiz (Lalín), Antas de Ulla ou O Saviñao. Os colectivos que se opoñen advirten de que os proxectos que se poidan rexeitar nesas localizacións poderían trasladarse a outros concellos.

Recollida de sinaturas, manifestacións, charlas informativas, edición de carteis e pegatinas son algunhas das accións realizadas. Os motivos que esgrimen os opositores teñen aspectos comúns e outros máis específicos de cada comarca.

Os motivos das protestas

Os posibles cheiros e emisións de gases, o aumento do tráfico pesado para trasladar os xurros e residuos, o risco de contaminación de acuíferos e a perda de valor dos bens inmobles das inmediacións das plantas son preocupacións comúns.

Ademais das protestas, tamén se plantexaron nestes meses propostas como a de esixir unha distancia mínima de 3 km respecto das vivendas, pedir que os proxectos se adapten á realidade do rural galego, con plantas pequenas, ou reclamar unha tramitación que permita valorar todo o impacto ambiental en conxunto e non de forma fraccionada.

A maiores de cuestións sociais, económicas e ambientais de carácter xeral, a asociación Elas Eles leva tempo apelando a argumentos bioquímicos e agronómicos. Asi, aseguran que os xurros son un fertilizante de máis calidad e menos contaminante que os dixestatos. Alegan que o que sae das plantas aumenta o nitróxeno amoniacal, liberándoo máis rápido e facendo que lixivie con facilidade.

Posibles cheiros, emisións de gases, contaminación de acuíferos e aumento do tráfico pesado son os principais motivos de oposición

Tamén sinalan unha contradición entre a prohibición de aplicar xurro mediante prato polo risco de emisións amoniacais e o feito de que se estea a promover o uso do dixestato como fertilizante, que -aseguran- tería unha maior carga de amoníaco que os xurros.

Antas de Ulla acolleu o ano pasado un encontro informativo sobre biogás con representantes de organizacións agrarias

Antas de Ulla acolleu o ano pasado un encontro informativo sobre biogás con representantes de organizacións agrarias

Elas Eles sinala ademais que os dixestatos teñen alta carga de nitróxeno e fósforo e que hai zonas de Galicia que xa están eutrofizadas. Citan a Instrución Técnica das Consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente, para afirmar que o 75% dos solos galegos sofren exceso de fósforo. As plantas de biogás engadirían máis nitróxeno e fósforo no proceso de dixestión, afirman.

E, finalmente, sinalan posibles riscos sanitarios derivados da implantación de determinados modelos de plantas de biogás. Poñen como exemplo a Dermatose Nodular Contaxiosa, que podería transmitirse a través do dixestato. Aducen que un só animal infectado pode contaminar toda unha planta e espallar a enfermidade por outras granxas. Porque, aseveran, o proceso de dixestión non elimina todos os virus.

Plantas de biogás adaptadas a Galicia, posibilidades no agro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información