O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea (MMO polas súas siglas en inglés) ven de publicar os datos das últimas cotizacións dos produtos lácteos na UE, correspondentes á primeira semana de 2023, nos que se confirma unha baixada xeral, ao igual que nos principais mercados internacionais, dunhas cotizacións que veñen dun ciclo alcista que se prolongou máis dun ano.
En concreto, a pasada semana o prezo da manteiga seguiu baixando con respecto a comezos de decembro, neste caso un 5,2% na UE, quedando nos 5,67 € o kg; mentres a que no leite en pó desnatado a baixada foi do 1,1% (2,92 €/kg) e no enteiro do 4,6% (4,04 €/kg). O queixo cheddar mantívose máis estable, cun lixeiro incremento do 0,2% (4,760 €/kg).
Por outra parte, a última poxa da cooperativa neozelandesa Fonterra tamén confirma esta tendencia, cunha baixada do 2,8% no seu índice. Neste caso a caída do prezo da manteiga foi do 2,8%; dun 1,4% no leite en po enteiro e dun 4,3% no desnatado. O queixo cheddar experimentou unha caída no seu prezo do 2,7%.
De momento, esta caída das cotizacións non se está a trasladar ao mesmo ritmo ao prezo do leite en orixe, en parte debido ao descenso da produción. Así, os últimos datos feitos públicos, correspondentes a novembro, confirman unha baixada do 1,7% en Nova Zelanda e do 9,1% en Australia, mentres que Estados Unidos aumentou a produción nun 1,3% e o Reino Unido nun 3%. Da Unión Europea aínda non están publicados os datos de novembro, pero a tendencia tamén apunta a un lixeiro descenso das entregas.