2021: Un gran ano para as gandarías de vacún de leite en pastoreo e con pouco uso de penso

“A subida do prezo do leite fai que as granxas de vacún de leite en pastoreo, como Nova Zelandia, ou que producen as súas propias forraxes e son pouco intensivas no uso de penso teñan unha boa rendibilidade este ano”, destacou Torsten Hemme, director executivo do IFCN, o observatorio internacional do sector lácteo, na última edición da conferencia One Ideas de Alltech

Grazas á suba do prezo do leite na maior parte do mundo, o 2021 será un gran ano para as contas das gandarías de vacún de leite en pastoreo e para as que producen as súas propias forraxes con pouca dependencia externa no uso dos pensos. Non así, para aquelas moi intensivas e que empregan altas cantidades de penso por vaca e para as que o prezo do leite permanece estancado ou mesmo á baixa, pois a suba do prezo do penso -ao redor dun 50% no último ano- afogará as súas contas.

Esta é a principal conclusión do relatorio ofrecido por Torsten Hemme, director executivo do IFCN, o observatorio internacional do sector lácteo, na última edición da conferencia One Ideas de Alltech, celebrada en formato online o pasado mes de xuño debido ás restricións sanitarias impostas pola pandemia do Covid19.

Torsten Hemme explicou que “a suba do prezo do penso no último ano viuse compensada na maior parte de países por un incremento do prezo do leite, de ao redor de 11 dólares por tonelada se comparamos abril deste ano con abril de 2020”. A previsión que manexa o IFCN para este 2021 é que o prezo do leite a nivel internacional mantéñase nos 0,34 euros de media por litro cun máximo de 0,37 euros. Iso si, os prezos do penso prevese tamén que se manteñan elevados polo menos para os próximos 12 meses.

Un gran ano para as gandarías en pastoreo

IFCN ALLTECH PREDICCIONS 2021 3

Porén, a rendibilidade das granxas de vacún de leite neste ano será moi variable segundo o país. “As granxas de países nas que o prezo do leite segue o mercado internacional á alza, e teñen unha alta produción de forraxes propias -sexa en pastoreo ou cultivadas-e e teñen pechado o prezo do penso a longo prazo, beneficiaranse enormemente desta situación. Pola contra, aquelas que dependen máis da compra de alimentos externos e están ademais en países onde o prezo do leite non subiu, sufrirán este ano”, detallou o responsable do IFCN.

Neste sentido, puxo como exemplo a situación en catro países:

-Nova Zelandia: Cun sistema de alimentación baseado case en exclusiva no pastoreo, terá un dos mellores anos para as súas gandarías, porque os prezos do leite subiron pero os prezos da terra permanecen estables.

-Estados Unidos e Brasil: Os prezos do leite en orixe nestes dous países con sistemas de manexo do gando máis estabulados permanecen baixos pero o prezo das materias primas para o penso disparouse.

-China: O aumento dos prezos nacionais do leite foi incluso maior que o aumento en termos absolutos do prezo mundial do leite mundial. E os prezos dos pensos, por suposto, aumentaron, pero a economía agrícola en China neste momento é moito mellor que o ano pasado.

IFCN ALLTECH PREDICCIONS 2021 2

Previsión de prezos para 2021:

En canto ás previsións de prezos do leite para este ano, o IFCN prevé que se manteñan altos a nivel internacional e oscilen nunha pinza situada entre os 0,34 euros de media por litro cun máximo de 0,37 euros.

“Este aumento de prezo podería compensar o aumento do prezo dos pensos. A boa nova é que todos os mercados de futuros predín para todo 2021 un prezo do leite superior aos 0,34 euros por litro pero a mala é que o para os próximos 10 a 16 meses o prezo do penso manterase elevado”, engade Torsten Hemme.

Neste escenario, o director do IFCN conclúe que “as granxas con terra propia e produción de forraxe propia son as gañadoras, mentres que as que compran gran parte do alimento sairán perdendo”.

IFCN ALLTECH PREDICCIONS 2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información