As 2.800 explotacións en Control Leiteiro terán prioridade nas axudas para plans de mellora e incorporacións

As 2.800 explotacións en Control Leiteiro terán prioridade nas axudas para plans de mellora e incorporacións

A conselleria na entrega das distincións de Fefriga ás mellores explotacións en 2016

A Consellería do Medio Rural primará a aquelas explotacións gandeiras que conten con control leiteiro na próxima convocatoria de axudas para plans de mellora e novas incorporacións ao agro, unha petición das asociacións provinciais de control leiteiro (Africor) de Galicia, agrupadas na Federación Frisona Galega (Fefriga).

Así o anunciou este venres a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no marco do xantar anual organizado por estas entidades que tivo lugar en Melide e no que se entregaron os premios e distincións honoríficas por parte de Fefriga ás mellores produtoras e explotacións de Galicia.

En concreto, a titular de Medio Rural explicou que as explotacións incorporadas ao control leiteiro das Africores obterán máis puntos na valoración, de forma que terán tamén máis posibilidades de recibir maiores importes. Engadiu que a incorporación das granxas ao control leiteiro é un beneficio para todo o sector, xa que redunda nunha mellora da calidade do produto e da xenética dos rabaños. Por iso, sinalou Ángeles Vázquez, a Consellería do Medio Rural apoia o traballo que realizan as africores e Fefriga mediante diferentes achegas, que ata o ano 2020 superarán os 5 millóns de euros.

Así, este departamento da Xunta aporta ata un máximo de 2,6 millóns de euros para a realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza frisona. Ademais, a consellería ten asinado un convenio co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) para asumir o custe das analíticas de control leiteiro, algo que tamén redunda finalmente en beneficio das africores. O acordo está subscrito para as anualidades 2017-2020 por un importe total de 1,8 millóns de euros, a razón de 455.000 euros cada ano.

2800 explotacións inscritas en Control Leiteiro

Fefriga e as africores contan na actualidade con 2.800 explotacións inscritas en control leiteiro e no libro xenealóxico da raza frisona. O volume total de animais destas granxas está arredor das 290.000 cabezas. En canto a número de granxas, representan aproximadamente o 35% das que se dedican á produción de leite en Galicia, pero o volume producido ronda o 70% do total da comunidade autónoma.

A explotación gandeira tipo de control leiteiro ten mais de 50 vacas en muxido e a produción diaria por animal rolda os 32 Kg. Estas gandarías resultan fundamentais para o funcionamento e viabilidade de entidades como Xenética Fontao e o LIGAL. No primeiro caso, por seren estes gandeiros os que compran a maior parte do seme producido polo centro, e no do LIGAL porque as mostras de control leiteiro axudan a consolidar unha parte importante da súa actividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información