170 adegas de Rías Baixas reciben a certificación ENAC

Publicidade
170 adegas de Rías Baixas reciben a certificación ENAC

Juan Gil de Araujo, presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas.

O Consello Regulador da D.O. Rías Baixas entregou a 170 das súas adegas os Certificados de Produto, de conformidade coa Norma UNE-ISO/IEC 17065, unha acreditación internacional lograda polo Consello Regulador, cumprindo así as esixencias derivadas da OCM do viño para todas as indicacións de calidade europeas.

De feito, Rías Baixas é a primeira Denominación de Orixe de viños galegos, e unha das primeiras en España, que consegue a “Acreditación para a certificación de produtos do sector agroalimentario” conforme á Norma UNE-ISO/IEC 17065 (anteriormente 45011), tal e como destacou Juan Gil de Araujo, presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A entrega tivo lugar no auditorio centro multiusos de Mosteiro, Concello de Meis, ao que asistiu unha ampla representación institucional e do sector.

Juan Gil de Araujo sinalou que, con este acto, “culminamos a primeira parte dunha travesía que empezamos no ano 2010 co desenvolvemento e implantación do Manual de Calidade, e que finalizou en novembro de 2014, data na que en Rías Baixas fixemos historia ao converternos na primeira denominación de orixe vitivinícola galega, e unha das primeiras de toda España, en recibir da Empresa Nacional de Acreditación (ENAC) a Acreditación segundo os criterios recolleitos na Norma UNE- 17065 para a certificación dos viños amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas”. Dita certificación, que en España unicamente expide a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), obtívose en novembro de 2014 e segue hoxe en vigor, tras a súa renovación en 2015.

Como explicou Juan Gil de Araujo aos asistentes, “a denominación entendeu este desafío como unha oportunidade de mellorar o seu funcionamento e o das adegas”. Practicamente todas as adegas de Rías Baixas superaron estes requisitos.

De feito, 170 empresas recolleron hoxe a súa certificación de man dos representantes institucionais culminando a primeira parte do traballo iniciado en 2010. Pero esta singradura non foi sinxela. Entre as dificultades ás que se enfrontou este Consello Regulador atopábanse algunhas singularidades propias da denominación, como son o minifundismo ou a gran atomización das adegas e viticultores.

O proceso técnico da certificación de produto

Desde o Grupo de Enxeñería da Organización da Universidade de Vigo, cuxo asesoramento resultou fundamental para a consecución da acreditación, explican que a tarefa de adaptar a organización do Consello Regulador aos requisitos da Norma non foi fácil: “Houbo que centrar criterios na interpretación da Norma e tamén ENAC tivo que comprender ben o funcionamento dos Consellos Reguladores vitivinícolas galegos”, admite Arturo J. Fernández González desde o Grupo de Enxeñería de Organización da Universidade de Vigo.

O resultado deste traballo en Rías Baixas é o cambio de mentalidade na operativa do Consello Regulador, das adegas e dos viticultores desta denominación de orixe. O labor do Consello Regulador xa non é tanto a de xuíz que cualifica o viño, senón máis de vixilancia e de confianza nos seus asociados: “Agora é a adega quen ten que acreditar que cumpre coa normativa”, engade o director do Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador, Agustín Lago.

Ademais, todo o traballo realizado ao longo destes anos xerou unha ampla e detallada documentación onde se pormenoriza todo o proceso, desde Manual de Calidade, ao Prego de Condicións, tamén procedementos operativos e instrucións técnicas, así como normas específicas de vendima, etiquetaxe, de elaboración de espumosos…

Neste sentido, Ignacio Pina, director técnico de ENAC, definiu a acreditación como “un exercicio complexo, que consiste en demostrar competencia na execución dun proceso, neste caso certificar viños”. Pina considera que os certificados de produto serán “unha axuda fundamental nos plans de internacionalización”, posto que este certificado está recoñecido en máis de setenta países.

E Martín Pita, director de AENOR en Galicia, expuxo que a corrente da globalización xerou maior necesidade de contar con estas certificacións, como garantes de boas prácticas de calidade para ofrecer confianza ao consumidor. Pita explicou que AENOR está a desenvolver, en conxunto coa Federación Española do Viño, un procedemento para a certificación de explotación sustentable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información