A organización do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, composta pola empresa de subministros agrogandeiros e a Universidade de Santiago de Compostela, rexistrou, unha vez rematado o pasado venres o prazo de presentación de propostas, un total de 17 candidaturas a conseguir o galardón deste ano, que celebra a súa vixésimo terceira edición e está dotado con 10.000 euros e un diploma de mérito.
O xurado examinará todas estas candidaturas e dará a coñecer publicamente a gañadora o martes 31 de xaneiro. As propostas presentadas son as seguintes:
- A Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira Acivo, de Lugo, que ofrece servizos veterinarios para gando ovino e caprino.
- A empresa familiar Savelo, radicada en Carballo e centrada na fabricación de produtos químicos.
- CampoLab, un laboratorio multidisciplinar integrado por veterinarios, agrónomos, químicos con sede en Outeiro de Rei.
- A Agrupación Apícola de Galicia, unha entidade participada por diversas asociacións de apicultores de diversas localidades de Galicia.
- La Abuela Delfina, empresa localizada en Triacastela que centra a súa actividade na elaboración de embutidos artesanos.
- A queixería chantadina de vacas de pastoreo Airas Moniz.
- Lugar da Veiga, outra empresa tamén asentada en Chantada que é propietaria das Galletas Mariñeiras Daveiga.
- A agrupación de cooperativas e produtoras agroalimentarias da comarca de Lugo Son de Lugo.
- A empresa ribadense centrada na comercialización e transformación de produtos vexetais, Muiñeiras de Requiande.
- A gandeiría en ecolóxico Traloagro.
- A comunidade de montes veciñais en man común de Couso, do municipio pontevedrés de Gondomar.
- A asociación ecogastronómica Slow Food Compostela.
- A granxa de insectos Galinsect, unha startup pontevedresa especializada na cría e comercialización de insectos vivos.
- A firma luguesa Dos Dog, que fabrica produtos de alimentación para animais de compañía.
- A cooperativa de pequenos criadores de Porco Celta, Tres Fuciños, con sede no concello de Castro de Rei.
- A estratexia para a loita ecolóxica contra a rata toupa promovida polo profesor da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo Pablo Sánchez Quinteiro.
- A granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda.