16 adegas participan na XIII Feira do Viño da DO Monterrei

A cita vitivinícola celébrase do 10 ó 12 de agosto en Verín e contará con casetas destas adegas e unha ampla oferta musical

Publicidade
16 adegas participan na XIII Feira do Viño da DO Monterrei

Verín acolle unha nova edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei do venres 10 ó domingo 12 de agosto. Nesta ocasión participarán un total de 16 das 26 adegas que conforman a denominación, unha máis que na pasada edición.

Ó igual que nas tres últimas edicións, a cita vitivinícola celebrarase na praza da Alameda, que tamén contará con casetas gastronómicas con produtos da zona, “co obxecto de seguir unindo viño e gastronomía”, como destacou a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez, durante a presentación da feira esta mesma mañá en Verín.

Por segundo ano consecutivo, desde o Consello Regulador decidiuse convidar a todos os viticultores inscritos na denominación co obxecto de que participen no acto da Confraría dos Viños de Monterrei. “Queremos que sexan partícipes desta iniciativa, xa que sen o seu labor e o das adegas non existiría esta denominación”, indica a presidenta, quen destacou tamén a consolidación da cita gracias ó apoio do sector vitivinícola.

O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 10 de 20.00 a 23.00 h. sábado 11 de 11.30 a 14.00 h. e de 20.00 a 01.00 h., e domingo 12 de 11.30 a 14.00 h. e de 19.00 a 23.30 h. Os prezos tamén se manterán con respecto aos anos anteriores, 5 degustacións por cinco euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

Adegas participantes

Nesta nova edición da Feira do Viño de Monterrei participarán as seguintes adegas:
Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer ( Boo Rivero), Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Tapias Mariñán (Pazo Branco Núñez), Pazo de Valdeconde, Quinta do Buble, Quinta Soutullo (Fausto Rivero), Terras do Cigarrón, Trasdovento, Triay, Valderello e Vía Arxentea.

Augas de Verín

Nesta edición, como novidade, instalarase un stand de augas mineiromedicinais de Verín no que os visitantes poderán degustar as augas dos diferentes mananciais da vila. “Un dos motores da nosa comarca é o viño, pero nun evento tan importante como este, que atrae a máis de 20.000 visitantes, non debemos perder a oportunidade de visibilizar a outra gran potencialidade de Verín, que son as nosas augas”, explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

Programación de actos

O acto inaugural da XIII Feira do Viño de Monterrei celebrarase na Alameda de Verín o venres 10, a partir das 20.00 horas. Nesta edición, o pregoeiro será Castor Gago Álvarez, xefe de Extensión Agraria en Verín e un dos maiores impulsores da Denominación de Orixe de Monterrei. Tras o pregón e o percorrido das autoridades polas casetas participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei continuará na igrexa da Mercé de Verín, onde se procederá á imposición de medallas aos novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei. Os actos estarán amenizados pola Banda de Gaitas do Concello de Verín e polo grupo Dixie Kings, sexteto de Jazz que rememora as bandas rueiras dos anos 10-20 cos seus inconfundibles desfiles. Tamén actuará na Praza García Barbón a Orquestra Principal, de 00:30 a 03:30 horas.

O sábado 11 de agosto, ás 21.00 horas, a agrupación musical Candaira ofrecerá, con saída desde a Praza García Barbón, unha actuación itinerante. Ás 00:00 horas, o cantante arxentino Coti presentará en Verín a súa xira internacional 2018. A partir da 01:45 horas será a quenda de Guateque da Década, agrupación musical dirixida por Carmelo Martínez, unha das voces integrantes iniciais nos anos 80 da Decada Prodigiosa.

O domingo 12 de agosto, ás 12:30 horas, a Praza da Alameda, acollerá a actuación da agrupación musical Nova Era. Por outra banda, A Orquestra Finisterre, ofrecerá unha sesión de tarde, de 21:00 a 23:00 horas, e unha actuación nocturna desde a 01:45 a peche. Mentras, na Praza García Barbón, terá lugar o concerto de SES dentro da súa xira “Readmirando a Condición”, quinto traballo da artista coruñesa.

Todos os concertos e actuacións destes tres días de programación son de balde, tal e como informaron dende a organización.

Xunto á presidenta da D.O Monterrei, e o alcalde de Verín, participaron no acto de presentación a concelleira de Educación, Cultura e Festas, Emilia Somoza e a edil de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes, Purificación Caldelas. Os participantes fixeron un chamamento ao público para que se achegue ata Verín, co obxectivo de coñecer de primeira man a calidade dos viños de Monterrei. Tamén quixeron agradecer a implicación das institucións e entidades colaboradoras nesta cita: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Fondo Europeo Agrícola de Desarollo Rural ( FEADER), e concellos de Oímbra, Monterrei, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información